Os televisores enrolables de LG poderán agocharse no teito

xoves, 2 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado LG levou ao CES de Las Vegas os seus televisores OLED enrolables de 65 polgadas, sorprendendo ao mundo con esta tecnoloxía que podería revolucionar o deseño dos salóns domésticos, e que a semana que vén presentarán no CES unha aplicación diferente desta tecnoloxía que lembraría a moitas instalacións de proxectores de vídeo, xa que os televisores OLED enrolables estarían pendurados do teito, de xeito que só serían visibles cando se usen, á vez que supoñen un aforro do espazo útil no fogar.
Estes novos televisores serán de 65 polgadas, pero LG tamén adiante que terá máis tamaños de televisores OLED (55, 65, 77 e 88 polgadas) e incluso presentarán un televisor OLED de 48 polgadas.
Outra interesante novidade de LG Display serán as pantallas Cinematic Sound OLED, que integrarán un sistema de son na pantalla, e que estrearase nun tamaño de 77 polgadas, cun deseño moi fino, ideal para a súa instalación en paredes. Aparte deste televisor de 77 polgadas 4K tamén elevará as apostas cun panel de 88 polgadas e resolución 8K que non só terá panel Cinematic Sound OLED, senón que presumirá dun sistema de son 11.2, ou sexa, que combinará a mellor imaxe e o mellor son do mercado.
LG Display tamén levará ao CES pantallas OLED destinadas á súa instalación en avións, hoteis, automóbiles e establecementos comerciais, adaptándose ás distintas necesidades de cada contexto, de xeito que nuns casos teremos pantallas táctiles, flexibles, de distintos tamaños...

PUBLICIDADE