Os referentes galegos en Compra Pública Innovadora centraron unha xornada no CETIM

venres, 4 de outubro do 2019 Redacción

O Centro Tecnolóxico CETIM, con sede en Culleredo, acolleu onte unha xornada técnica na que se analizaron os retos e oportunidades que ofrece a Compra Pública Innovadora (CPI) e a Compra Pública Precomercial (CPP) para o sector da construción e as empresas e promotores de proxectos innovadores. O encontro foi inaugurado pola directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen salientou o papel de Galicia neste ámbito e lembrou que a nosa Comunidade “executa o 40% dos fondos de CPI do conxunto de España” sendo tamén “un referente en boas prácticas desde a administración”. Argerey puxo como exemplo o caso de CETIM como “un centro modelo que ten capacidade para captar este tipo de fondos e xestionar proxectos de innovación”.
Pola súa banda, Teresa Riesgo, directora xeral de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación e Universidades, interveu no encontro para explicar o funcionamento dos fondos dispoñíbeis para a Compra Pública Innovadora e a Compra Pública Precomercial, “dous puntais de fomento da innovación que facilitan un marco de traballo entre as empresas e a administración”. Este marco, sinalou, permite “mellorar os servizos públicos, fomentar a innovación empresarial e situar e xerar riqueza no tecido produtivo”. Riesgo defendeu que este sistema de compra pública convértese “nun novo e interesante marco de relación entre as empresas e a administración, dado que impulsa un I+D orientado a solucionar retos da sociedade en ámbitos como a saúde, a construción, o desenvolvemento tecnolóxico e unha infinidade de campos de interese público”.
Pola súa banda Toni Pons, director xeral de CETIM, salientou a oportunidade que supón para moitas empresas e para a propia administración o modelo da CPEI ou a CPP, onde existe un “esforzo e unha responsabilidade compartida que minimiza riscos”.
Amais, o responsábel da Oficina de Compra Pública Innovadora do CDTI, dependente do Ministerio de Ciencia, Sergio Capitán, precisou que “a última convocatoria de CPI contou coa candidatura de 25 proxectos promovidos desde Galicia”. E engadiu: “Un deses proxectos superou o filtro e figura entre o sete propostas finalistas”.
Na xornada analizáronse varios casos de éxito a través dos testemuños de diferentes empresas innovadoras do sector da construción de referencia internacional, como é o caso de OHL, COMSA, Acciona, a galega ABN ou a multinacional BASF.
O acto, que foi clausurado polo alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo Castro, tamén serviu para que os asistentes coñecesen as instalacións e os últimos proxectos de CETIM, un centro dedicado á investigación e o desenvolvemento en diferentes sectores, que participa en proxectos de ámbito autonómico, nacional e internacional.

PUBLICIDADE