Os proxectos tecnolóxicos seleccionados en AntarticLab CSIC viaxarán á Base Antártica Española Juan Carlos I
mércores, 20 de setembro do 2023
Os proxectos seleccionados no certame AntarticLab CSIC vanse desprazar á Base Antártica Española Juan Carlos I. Son cinco propostas de instrumentación e ensaios científicos presentados polo CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP Universidade Laboral (A Coruña) e IES da Coruña, Lugo e O Grove. O primeiro premio recaeu no proxecto do CIFP As Mercedes (Lugo), Medición da calidade do aire no interior da BAE e o accésit nos dous proxectos presentados polo IES Urbano Lugrís (A Coruña), LoraWan Tracker e Medición do crecemento dos liques antárticos.
O certame
O
Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en
marcha hai un ano o certame AntarticLabCSIC, promovido desde a súa
Delegación Institucional en Galicia e a Unidade de Tecnoloxía
Mariña coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP
e Universidades da Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e o
apoio tecnolóxico da empresa Marine Instruments. A iniciativa
enmárcase no Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento
Sustentábel 2021-2030.
Un
ano despois, os proxectos seleccionados polo xurado viaxarán a
mediados de novembro á Base Antártica Española, onde serán
instalados e postos en funcionamento.
As
propostas seleccionadas son Positivízate!, do CIFP
Universidade Laboral (A Coruña); Medición da calidade do aire no
interior da Base Antártica Española, do CIFP As Mercedes
(Lugo); Multisens, do IES Monte da Vila (O Grove); Smart
Person Tracking LoRaWAN, do IES Urbano Lugrís (A Coruña) e
Monitoraxe do crecemento dos liques antárticos,
do IES Urbano Lugrís (A Coruña).
A
participación, nos cinco casos en modalidade de equipo, realizouse
nas dúas categorías ás que se podía optar: outdoor, con
propostas de instrumentos para a observación da contorna ou deseños
experimentais que permitan determinar o efecto do medio sobre
materiais e/o estruturas; e indoor, con propostas de
dispositivos ou experimentos destinados a monitorizar condicións e/o
sistemas vitais das instalacións ou interaccionar co persoal da
Base, co fin de mellorar e aumentar o seu grao de sustentabilidade e
habitabilidade.
O
certame, cuxo obxectivo era dar visibilidade e poñer en valor as
capacidades da Formación Profesional a través do desenvolvemento de
instrumentos ou do deseño de experimentos, desenvolveuse a través
de varias fases: presentación de propostas e desenvolvemento por
escrito da idea; construción do proxecto (prototipo ou deseño
experimental); entrega e presentación de cada proposta a través de
vídeos divulgativos e a fase final: embarque dos prototipos e
materiais dos ensaios no Buque Oceanográfico Hespérides, con
destino á Base Atlántica Juan Carlos I, para a campaña 2023-2024.
A
iniciativa estivo acompañada de visitas dos centros educativos
participantes á empresa Marine Instruments (Nigrán), dedicada ao
desenvolvemento de equipos electrónicos para condicións marítimos,
e que deu apoio tecnolóxico aos proxectos en aspectos relacionados
coa comunicación por satélite, electrónica, impresión 3D…
Información dos proxectos
-Positivízate! é un proxecto multidisciplinar e multinivel que pretende
utilizar as novas tecnoloxías, especialmente programación en C++ e
deseño e impresión en 3D para crear sinerxías educativas entre
distintos niveis, axudando á autoestima individual e de grupo,
especialmente na FP Básica.
-Observación
e control da poboación de liques antárticos pretende
proporcionar as ferramentas auxiliares necesarias para poder realizar
estudos permanentes das diversas especies de liques existentes na
Antártida.
-Smart
Person Tracking LoRaWAN pretende contribuír á mellora da
seguridade persoal, especialmente en situacións de emerxencia ou
perigo. O seguimento intelixente de persoas mediante tecnoloxía
LoRaWAN ten un gran potencial para salvar vidas e reducir o risco de
lesións ou danos persoais.
-Medición
da calidade do aire no interior dá Base Antártica Española (BAE)
xorde dadas as condicións climatolóxicas extremas do lugar, e tendo
en conta que é fundamental para poder desenvolver o traballo
atoparse nunha situación de “confort”. Propón realizar unha
medición e control da calidade do aire no interior da BAE.
-Multisens
utiliza a tecnoloxía LoRa (Long Range Wide Area Network) para
recoller e transmitir datos de diferentes sensores conectados a
módulos de hardware libre Arduino. Os sensores poden ser de calquera
tipo (por exemplo, temperatura, humidade ou presión), tan só han de
dispoñer dunha interface compatíbel con Arduino, ou que se poida
realizar un acondicionamento para o seu uso. Desta forma, créase
unha rede de sensores sen fíos de longa distancia, da orde de varios
quilómetros, sen necesidade de infraestrutura previa.