Os proxectos de Compra Pública Innovadora impulsados por Galicia mobilizaron 250 millóns de euros

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, no transcurso da mesa redonda en liña

Este 23 de abril pola mañá celebrouse online a presentación do Living Lab de Compra Pública de Innovación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que constitúe un laboratorio de ideas para fomentar o uso da Compra Pública de Innovación (CPI) como instrumento “para transferir os resultados da ciencia e dar resposta ás necesidades do sector público en beneficio da sociedade”. Na mesa redonda da presentación participo a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen lembrou que Galicia lidera o ámbito CPI en España con proxectos en execución por importe de 250 millóns de euros no transcurso da última década.
Argerey tamén salientou os beneficios da metodoloxía CPI, “unha fórmula que non só permite que as empresas fagan I+D+i, valorizando os resultados da ciencia feita no noso país, senón que, ademais, facilita ás administracións dar resposta, desde a innovación, aos retos actuais, o que permite prestar uns servizos mellores e máis eficientes”.
Segundo fixo saber, entre 2007 e 201, Galicia concentrou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España e na última década, executáronse na Comunidade 250 millóns de euros en proxectos de CPI. A modo de exemplo, Patricia Argerey sinalou que dúas iniciativas do SERGAS, Hospital2050 e InnovaSaúde acadaron o 2º Premio Europeo de Compra Pública Innovadora, así coma o Premio Nacional de Innovación e Deseño na categoría de CPI. Este último recoñecemento, dixo, tamén foi acadado pola Civil UAVs Initiative, que contempla investimentos no sector aeroespacial no eido dos vehículos non tripulados orientados a mellorar as prestacións dos servizos públicos, como a loita contra incendios, salvamento marítimo ou seguridade da flota pesqueira, entre outros, e que ten como un dos seus piares fundamentais a Compra Pública Innovadora. “Desde o seu lanzamento en 2015, a Civil UAVs Initiative mobilizou 164M€ de investimento público-privado desenvolvidos en máis de 50 proxectos, nos que veñen traballando máis de 800 persoas e se xeraron 6 patentes”, dixo a directora de GAIN.

PUBLICIDADE