Os profesionais do audiovisual galego poderán solicitar bolsas para formarse fóra

xoves, 2 de xullo do 2009 Raquel Noya

O Consorcio Audiovisual de Galicia, no marco do seu Plan de Promoción e axudas aos profesionais galegos, vén de convocar a sétima edición das súas bolsas para a ampliación e perfeccionamento de estudos no eido audiovisual, que distribuirá 30.000 euros entre os profesionais do sector para que accedan a cursos especializados impartidos en centros de formación de recoñecido prestixio.
Estas axudas, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “son esenciais para o Consorcio Audiovisual de Galicia xa que o obxectivo é fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego”. A isto hai que sumarlle o grande interese e as numerosas solicitudes que orixinaron as anteriores convocatorias e os positivos resultados obtidos polos beneficiarios, que levou a que a entidade incrementase a contía das bolsas, de 18.000 euros (o importe doado no 2003) aos 30.000 actuais, que permiten cubrir, ademais do importe da matrícula, outros gastos relacionados co desprazamento e a estancia dos bolseiros nas cidades onde se realizan as actividades polas que lle foron concedidas as bolsas.
As actividades formativas, que se poden realizar en centros do resto de España ou estranxeiros, deberán ter lugar entre setembro de 2008 e xuño de 2010 (ambos meses incluídos) e non poderán tratarse de cursos en liña.
Tampouco se poden beneficiar destas axudas aquelas persoas que realizan cursos destinados á obtención dunha licenciatura, diplomatura ou título de doutoramento nin os que teñan intención de realizalos en Galicia.
A selección dos beneficiarios realízase, segundo vén de anunciar o Consorcio, a través dunha Comisión “que presta especial interese a aquelas actividades que pola súa novidade ou interese estratéxico repercuten máis positivamente no conxunto do audiovisual galego”. A Comisión valora, asemade, a traxectoria académica e/ou profesional do solicitante, o recoñecemento tanto no Estado como no estranxeiro do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude indicando os obxectivos previstos coa realización do curso ou actividade formativa.
O anuncio da resolución pola que se convocan estas axudas publicarase este mes no Diario Oficial de Galicia.
Ata a presente convocatoria, as actividades máis beneficiadas nas anteriores edicións foron as de interpretación, xestión, cámara, fotografía, produción e dirección, edición, documental, guión, dirección escénica e son.
Grazas a estas axudas, os profesionais do audiovisual beneficiarios puideron formarse en destinos tan diversos como Alemaña, Cuba, Inglaterra, Madrid, Francia, Arxentina, India, Barcelona ou Estados Unidos, entre outros, onde se atopan centros de recoñecido prestixio tales como a New York Film Academy, o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza, a Fundación TVI Actors Studio, a London Film School, a Escola Internacional de Cine e Tv de San Antonio de los Baños (Cuba), a Universidade Pompeu Fabra, a Escola de Guión e Creatividade GuionArte en Bos Aires, o Instituto Nacional do Audiovisual en Francia, a Media Business School, a ESCAC, a Asian Academy of Film & Television ou International Center of Photography de Nova Iorque.

PUBLICIDADE