Os premios a emprendedores de Bancaja recoñecen varios proxectos tecnolóxicos

xoves, 10 de novembro do 2011 Raquel Noya

O xurado da segunda edición do Premio Bancaja Xoves Emprendedores, un galardón que convoca a entidade bancaria para fomentar o espírito emprendedor e apoiar a creación de novas empresas no noso país, vén de concederlle o primeiro premio ao proxecto de Bibiana María Rodiño, Beta: Biomechanical Engineering & Technical Assistance, que poderá botar a andar a súa propia empresa e engrosar así ese 8 por cento de universitarios españois que o considera como saída laboral.
Porén este ano, debido “á calidade das iniciativas presentadas”, o xurado decidiu conceder ademais dous accésits, un aos irmáns Florentino e Plácido José Míguez por Vehículos eléctricos de uso profesional con valor engadido, e outro a Rafael Sousa por unha Plataforma online de compra-venda de pezas de recambio, polo que a tecnoloxía foi a gran triunfadora da edición deste ano.
Pola súa banda, o Premio Ideas con Valor, que este ano celebrou a súa primeira edición, recaeu en José Iglesias Fernández, polo proxecto IZYTAXI, que ademais dunha pequena contía económica obtén, coma os outros, un recoñecemento social e proxección para sacar a diante as súas ideas.
A Cátedra Bancaja, que xa ten en marcha un amplo abano de actividades formativas para desenvolver ao longo deste curso 2011-2012, apoia con estas accións a creación de empresas e asegura a supervivencia das xa constituídas.

PUBLICIDADE