Os operadores queren que se adíe a poxa pola banda dos 26 GHz

venres, 12 de agosto do 2022 Marcus Fernández

JPEG - 154 KB
Nos EE.UU. xa hai operadores ofrecendo 5G por mmWave, o que permite grandes velocidades de descarga

Aínda que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital tivese previsto que na segunda metade do presente ano se celebrase a poxa pola banda de frecuencias de 26 GHz para o seu uso coa tecnoloxía 5G, tamén coñecida como onda milimétrica ou mmWave, os principais operadores non consideran que sexa o momento oportuno, e cren que a poxa debería deixarse para 2023 ou 2024, até que madure unha tecnoloxía para a que actualmente non hai usos que a xustifiquen e non exista unha demanda real pola mesma.
O Goberno confiaba en ingresar 127 millóns de euros nesta poxa, e aínda que hai fabricantes e operadores partidarios de comezar a explorar comercialmente as posibilidades do mmWave, a prudencia do sector parece bastante razoable, xa que a conxuntura económica actual non parece a máis axeitada para realizar investimentos cun retorno bastante discutible, xa que mmWave é unha tecnoloxía con moi pouco alcance, que basicamente quedaría limitada a instalacións con alta concorrencia de persoas, mentres que a súa elevada velocidade de descarga posible sería algo irrelevante dende o punto de vista dos dispositivos móbiles (que non teñen escenarios de uso nos que poidan aproveitar conexións de varios Gbps.
Resulta bastante curioso que a tecnoloxía baseada en mmWave sexa toda unha incógnita en Europa, cando nos EE.UU. hai compañías como Apple que a utilizan como reclamo comercial para destacar as capacidades 5G dos seus dispositivos (estreando o soporte de mmWave hai un par de anos no iPhone 12).

PUBLICIDADE