Os obradoiros e axudas á dixitalización do IGAPE, premiados polo CPEIG

venres, 14 de xuño do 2019 Redacción

No marco da undécima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebra o 28 de xuño en Santiago, o CPEIG vai conceder o seu Premio Iniciativa da Administración ao programa de Talleres e Axudas á Dixitalización da Xunta (Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE), dirixidos a fomentar o modelo de PEME 4.0. Ou sexa, encamíñanse a fomentar e facilitar a transformación do noso tecido produtivo: a súa viaxe directa cara a vangarda tecnolóxica con todo o que iso implica (máis rendibilidade, eficiencia, eficacia, sustentabilidade e competitividade).
Como dixemos, o galardón entregarase no marco da festa por excelencia do ámbito informático galego, o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Ademais de co premio, o CPEIG mostra o seu apoio a esta iniciativa da Administración autonómica a través da certificación por expertos da adecuación das medidas desenvoltas para o progreso dos procesos produtivos da man da tecnoloxía. O Colexio lembra que concertou co IGAPE a realización de auditorías técnicas dos proxectos para comprobar que o que se está a desenvolver é consistente co aprobado no expediente da axuda. “Esta colaboración pon en valor o Corpo Oficial de Peritos do CPEIG e as competencias dos membros do colexio para a avaliación de proxectos tractores para a dixitalización de empresas de distintos sectores en Galicia”, indica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A entidade profesional galega tamén quere pon en valor o obxectivo do Goberno galego de apoiar a dixitalización da Industria 4.0 a través do desenvolvemento de talleres por parte de organismos intermedios para a xeración de proxectos colaborativos e unha liña de axudas á dixitalización, actuación pública que naceu ao abeiro da Axenda Industria 4.0 (a folla de ruta da Administración autonómica para acadar un novo modelo industrial, e que conta con financiamento a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER). “Reforzamos a aposta por un modelo de PEME 4.0, dixital, innovadora e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en aspectos como o Big Data, a interconexión entre empresas, a aprendizaxe automática ou a dixitalización de procesos de traballo”, sinalan desde o IGAPE.
Como se dixo, o programa busca facilitar ao tecido empresarial o coñecemento das tecnoloxías máis axeitadas e a súa implantación con garantías, apoiando a posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de Intelixencia Artificial.
O IGAPE prevé apoiar con este programa a 500 compañías a través de axudas que ascenden aos 5 millóns de euros e que prevén mobilizar máis de 13 millóns de euros na presente convocatoria.
Sobre os talleres de dixitalización, trátase, nun plano máis concreto, de espazos de colaboración desenvoltos por un mínimo de seis empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vieiros de traballo conxunto na posta en marcha de ferramentas dixitais. Estes obradoiros abranguen distintos sectores produtivos e abordan aspectos como a transformación dixital da automoción galega, o mercado tecnolóxico das comunicacións dixitais, a aplicación da tecnoloxía 4.0 aos viñedos e ao aprovisionamento e expedición dos produtos pesqueiros, a construción e reparación do naval 4.0, e a visibilidade dos produtos tecnolóxicos innovadores para a dixitalización industrial.

PUBLICIDADE