Os novos iPhone renovan a súa interface de control táctil
mércores, 9 de setembro do 2015
O iPhone 6s
e iPhone 6s Plus son dispositivos que non estaban chamados a sorprender, pois
como as anteriores versións S dos smartphones de Apple supoñen unha simple
revisión do modelo anterior, pero iso non quere dicir que Apple deixase de
incorporar novidades interesantes, como a posibilidade de disparar Live Photos
(fotografías que capturan un momento en movemento) e unha curiosa adaptación do
force touch do Apple Watch, aquí
chamado 3D Touch, e que supón toda unha revolución para o xeito de controlar o
móbil, xa que o teléfono non só sabe cando se pousa o dedo sobre a pantalla,
senón que tamén detecta cando se fai forza, o que permite crear toda unha serie
de xestos que poderían lembrar a premer o botón dereito dun rato informático,
pero que irían un chisco máis aló, facilitando o salto entre aplicacións e
axilizando o acceso a contidos en certas aplicacións, o que suporá un dobre
reto: por unha banda os usuarios deberán afacerse ao novo sistema de control e,
por outra, os desenvolvedores deberán decidir como aproveitar esta prestacións
(que durante bastante tempo estará limitada a un número moi reducido de dispositivos
con iOS).
As melloras nas cámaras dos novos iPhone tamén son considerables, xa que a
cámara traseira chega aos 12 Mpíxeles e incluso permite a gravación de vídeo a
ultra alta definición. No caso do iPhone 6s Plus tamén destaca o feito de que a
estabilización óptica de imaxe xa non se emprega só nas fotografías, senón que
tamén se aproveita na gravación de vídeos, o que permite conseguir boas imaxes
en movemento en contornos pouco iluminados. No caso da cámara frontal non só
temos un sensor de 5 Mpíxeles, senón que tamén destaca o chamado Retina Flash,
que consiste en empregar a pantalla do teléfono a xeito de flash, o que
contribúe a sacar boas auto-fotos en condicións de baixa luz.
Ao manter os tamaños de pantalla de 4,7 e 5,5 polgadas para o iPhone 6s e o
iPhone 6s Plus respectivamente temos unha situación bastante curiosa, pois
deste xeito Apple comercializaría un dos poucos smartphones insignia de marcas
recoñecidas que ten unha pantalla inferior ás 5 polgadas, que é o tamaño que
entre os consumidores está a establecer como punto de partida, cando até hai
pouco estes dispositivos diferenciábanse claramente incluso no novo
(alcumándose como phablets ou tabletófonos).
Tamén cómpre destacar
que, para poder incorporar as melloras a estes novos terminais, Apple tivo que
incrementar os seus grosores en 0,2 milímetros e o seu peso en 14 e 20 gramos
(detalles que espérase a que contribúan especialmente a manter unha boa
autonomía). Outro cambio tamén perceptible á vista é que, aparte de poder
adquirirse os smartphones con carcasas en cor prata, ouro ou gris, Apple estrea
a cor ouro rosa, que promete ser a sensación da nova tempada (como aconteceu
cando chegaron os dispositivos en cor ouro).
Outros elementos que coidou moito Apple son o da potencia (o procesador A9 de
64 bits consegue unha velocidade un 70% maior que un A8, á vez que mellora a
súa eficiencia enerxética) e o da conectividade (o teléfono integra as últimas
versións de Wi-Fi e de 4G conseguindo as descargas máis rápidas en función da
tecnoloxía dispoñible en cada territorio).
Polo momento non se sabe cando chegarán estes novos smartphones ao mercado
español, estando confirmado que o 25 de setembro poranse á venda en Australia,
Canadá, China, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Nova Zelandia, Porto Rico,
Singapur, Reino Unido e EE.UU.