Os novos iPhone chegarán a España o 9 de outubro

luns, 28 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Celebración da venda dos primeiros iPhone 6s e 6s Plus na tenda de Apple da Quinta Avenida (New York)

A pasada fin de semana iniciouse a comercialización dos novos iPhone 6s e 6s Plus na primeira serie de países, conseguindo rachar unha nova marca de vendas durante os primeiros tres días á venda dos novos teléfonos, que superaron os 13 millóns de unidades vendidas, mentres que no lanzamento do iPhone 6 as vendas foran de 10 millóns de unidades, demostrando que Apple conseguiu mellorar considerablemente a provisión de terminais, o que confírmase polo feito de que anuncien que os novos teléfonos van saír á venda en 40 países máis (entre os que figuran Italia, México, Rusia, Taiwán, Portugal e España) o vindeiro 9 de outubro, procurando rematar o ano cos smartphones á venda en máis de 130 países.
O director xeral da compañía, Tim Cook, asegura que “a resposta dos clientes está a ser incrible, adoran o 3D Touch e as LIve Photos, e non podemos agardar a levar o iPhone 6s e iPhone 6s Plus a clientes de máis países o 9 de outubro”. Destaca así as grandes novidades dos novos teléfonos, que supoñen, por unha banda, a meirande renovación na interface de control do iPhone dende o seu lanzamento (ao facer que reaccione distinto segundo a forza que se realice sobre a súa pantalla), e pola outra, enriquecendo as fotografías cunha pequena animación que permite darlles vida, tirando así un maior proveito da xa moi ben considerada cámara dos iPhone. Non parecen dar así importancia ao feito de que os novos iPhone poidan gravar vídeo en 4K, posiblemente porque os terminais da competencia hai bastante tempo que poden facer tal, e o resto do ecosistema de Apple aínda non parece adaptado para tal funcionalidade (o novo Apple TV non soporta vídeo en 4K, o que resulta moi rechamante).
Aparte dos moitos países aos que chegarán os novos iPhone o 9 de outubro, dende Apple adiantan que o día 10 chegarán a Bahrein, Xordania, Kuwait, Qatar, Arabia Saudí e Emiratos Árabes Unidos; mentres que o 16 poranse á venda en mercados tan grandes como son a India, Malaisia e Turquía.
Aínda que continúan a haber usuarios que se resisten a abandonar a tradición de facer cola diante das tendas no momento do lanzamento do novo smartphone, os teléfonos poderanse reservar a través da páxina web de Apple, sendo os seus prezos de saída para os modelos de 16 GB de 749 e 859 euros para o iPhone 6s e 6s Plus respectivamente, incrementándose o prezo en 110 euros en cada un dos chanzos de capacidade (que chegarán a 64 e 128 GB).

PUBLICIDADE