Os novos formatos volven ser co-protagonistas das candidaturas finalistas dos Mestre Mateo

mércores, 8 de febreiro do 2023 S. P.

Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán (Academia Galega do Audiovisual) foron os encargados, este martes 7 de febreiro, de dar a coñecer os nomes dos proxectos e profesionais finalistas da XXI edición dos Premios Mestre Mateo. Fixérono desde o museo MEGA Estrella Galicia e, unha vez máis, deixaron marxe para salientar as contribucións do noso audiovisual aos novos formatos e contidos.
As contribucións que acapararon a meirande atención foron a serie para a plataforma Movistar Rapa (a produción máis votada entre as 194 que se presentaron aos XXI Premios Mestre Mateo, con 19 candidaturas finalistas), O corpo aberto (con 16), o filme para a plataforma Netflix Código Emperador (con 8) e a longametraxe de animación Unicorn Wars (con 6).
Entre todos os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa. Esta serie, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta O corpo aberto, acaparan as candidaturas das categorías de interpretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario.
En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.
No caso de O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación os traballos de Denís Gómez (reparto) e Luis Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.
O corpo aberto é finalista a mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can.
Segundo fixeron saber na presentación dos premios, despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars.
As finalistas a mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.
As candidatas a ser recoñecidas como mellor serie de TV son dúas producións emitidas por TVG, A Lei de Santos e Saudade de ti; e outras dúas emitidas por plataformas de streaming: Operación Marea Negra, de Amazon Prime Video e Rapa, de Movistar +.
Na categoría de mellor serie web compiten Delicias amargas, Historias vageniales, Prigandas e Terapia de.
Na categoría de mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría de mellor programa: Dígocho Eu, Cinephilia e Catro Gatos, ademais de Clac. Na categoría de mellor realización son finalistas Rubén Veiga (Malo Será!), Simón Casal de Miguel (Artificial Justice), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias (Catro Gatos).
As candidatas a mellor videoclip son A quincena do Apóstol de Boyanka Kostova, Cobiza de A banda da loba, Noa de Guadi Galego e Pano Corado de Tanxugueiras.
As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.
A XXI edición dos Premios Mestre Mateo é posíbel grazas ao apoio de Cafés Candelas e Estrella Galicia, patrocinadores oficiais, e o das seguintes institucións: a Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello de Ourense, Deputación de Ourense e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.

PUBLICIDADE