Os novos OnePlus 9 contarán con cámaras calibradas por Hasselblad

luns, 8 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Cando Huawei sumou forzas con Leica conseguiu facer destacar as cámaras dos seus móbiles, que foron incorporando innovacións até converterse en líderes no sector, e tal estratexia parece ter convencido a OnePlus, compañía chinesa que o vindeiro 23 de marzo presentará os seus novos OnePlus 9, familia de smartphones que incorporará cámaras calibradas polo reputado fabricante de cámaras sueco Hasselblad, o que pode significar un antes e un despois para OnePlus.
Polo momento OnePlus está a publicar material promocional relativo á súa alianza con Hasselblad, deixando claro que confían na forza da marca sueca, aínda que en poucos días poderemos saber en que se traduce, xa que demostrarán como o traballo de Hasselblad non se limitará a unha calibración de cor avanzada, senón que tamén poderán incorporar modos de disparo profesionais que adoptarán unha interface de usuario deseñado por Hasselblad, á vez que tamén poderían gozar de gravación de vídeo con HDR mellorada (soportando tanto gravacións 4K a 120 imaxes por segundo e 8K a 30 imaxes por segundo).
Polo que se deixa ver no material promocional, o traballo de Hasselblad estará presente en cámaras traseiras cuádruplas, que presumiblemente corresponderán aos móbiles de máis alta gama de OnePlus.

Un dos vídeos promocionais da alianza entre OnePlus e Hasselblad

PUBLICIDADE