Os novos LG Gram terán até 24 horas de autonomía

luns, 2 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado LG levou ao CES de Las Vegas unha versión do seu ultraportátil LG Gram que presumía de ser o máis lixeiro do mundo con pantalla Full HD de 15,6 polgadas ao contar cun peso de só 980 gramos, pero desta volta a compañía surcoreana preferiu centrarse en mellorar a súa autonomía, que pasaría dunhas 7 horas a até 22-24 horas en función do tamaño de pantalla, sen que os modelos con esta batería de impresionante autonomía non dispare o peso dos equipos.
O novo LG Gram chegará ao mercado con pantallas de 13,3, 14 e 15,6 polgadas, con distintas configuracións de procesador e batería, de xeito que contarán con procesadores Intel Core de sétima xeración (entre i3 e i7), 4/8/16 GB de RAM (DDR4 a 2.133 MHz), paneis IPS Full HD, gráficas Intel HD Graphics 620, almacenamento SSD (180/256/512 GB), Wi-Fi AC, USC-C, USB 3.0 e saída HDMI.
Este equipos teñen uns prezos bastante axustados se temos en conta a súas elevadas prestacións e deseño compacto, partindo dun modelo con pantalla de 13,3 polgadas, procesador Intel Core i3, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, batería de 34 Wh e un peso de 830 gramos, que custará 1.360.000 wons (1.069 euros), mentres que a súa versión con batería de 60 Wh (que achegaría 24 horas de autonomía) custaría 1.420.000 wons (1.117 euros) o que fai que este equipo poida converterse en todo un supervendas.
O LG Gram mellor equipado sería o modelo con pantalla de 15,6 polgadas, procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM, 512 GB de SSD e batería de 60 Wh (cunha autonomía de até 22 horas) e un peso de só 1.090 gramos (que pese a ser a única configuración deste equipos en superar o quilogramos, segue a ser moi lixeiro e compacto), que custaría 2.450.000 wons (1.927 euros), o que deixa ver o competitivos que son os prezos destes ordenadores portátiles que atenden á demanda do mercado e posiblemente sexan moi ben recibidos dentro do mercado corporativo.
Cómpre salientar que estes equipos tamén son moi silenciosos (o seu nivel de ruído é de 30 dB) e non só achegan grandes autonomías coas súas baterías de 60 Wh cargadas ao máximo, senón que tamén permiten carga rápida, de xeito que con 20 minutos permite até 3 horas de uso, e con 1 hora de carga conseguen autonomía para traballar até 10 horas seguidas). As impresionantes autonomías destes equipos son especialmente prácticas en mobilidade, non só para non ter que depender de tomas de corrente, senón tamén polo feito de non ter que cargar cun pesado adaptador de corrente nos desprazamentos.

Vídeo promocional dos novos LG Gram

PUBLICIDADE