Os novos Honor 200 presumen de cámara para retratos

mércores, 12 de xuño do 2024 Marcus Fernández

A nova familia de móbiles Honor 200 chega ao mercado con ofertas de lanzamento, presumindo de grandes cámaras (especialmente para fotografías de retrato), boa autonomía e prezos contidos para dispositivos que compiten cos móbiles de alta gama de marcas con maior sona.
O grande expoñente da nova liña de móbiles é o Honor 200 Pro, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno, pantalla OLED Full HD+ de 6,78 polgadas, unha cámara traseira tripla que combina un sensor principal de 50 Mpíxeles estabilizado que promete retratos con calidade de estudio, un sensor de 50 Mpíxeles con zoom óptico de 2,5x e unha cámara macro de 12 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 50 Mpíxeles, unha batería de 5.200 mAh con carga rápida de 100 watts por cable e 66 watts sen fíos, un peso de 199 gramos e un grosor de 8,2 milímetros. O seu prezo oficial é de 799 euros, pero de lanzamento pode adquirirse cun desconto de 100 euros.
O Honor 200 estaría dirixido a un público menos esixente a nivel de procesador, xa que funciona cun Qualcomm Snapdragon 7 Gen 3 e prescinde de carga sen fíos, o que lle permite tamén adelgazar o peso até 187 gramos e o grosor até 7,7 milímetros, redución acompañada tamén por un prezo máis axustado, que sería de 649 euros (549 euros de lanzamento).
Algo diferente sería o Honor 200 Lite, un smartphone con procesador MediaTek Dimensity 6080, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,7 polgadas, cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles, cámara frontal de 50 Mpíxeles, batería de 4.500 mAh con carga rápida de 35 watts, un peso de 166 gramos e un grosor de só 6,78 milímetros, que claramente sería dunha gama moi inferior á dos seus irmáns maiores, de aí tamén que o seu prezo sexa de 329 euros (299 euros de lanzamento).

Vídeo promocional dos Honor 200

PUBLICIDADE