Os neurocientíficos da UDC bótanse de novo aos bares na procura do lado máis divertido da investigación

xoves, 30 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Os neurofisiólogos Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, esquerda e dereita, co actor Vicente de Souza, nun café científico fotografado por Mariño/Sampedro/Jeremías

A Semana da Ciencia, iniciativa europea de divulgación que tamén ten edición galega, nunca foi unha semana. De feito, malia que a convocatoria oficial deste ano está prevista entre para o período que vai do 8 ao 21 de novembro (estando dedicadas unha boa parte das actividades ao Ano Internacional da Biodiversidade), xa hai días que se percibe un movemento de científicos e docentes dos seus centros de traballo cara á rúa. Podémolo ver en divulgacion360.org, onde xa se comezou a dar conta das accións previstas para este curso que comeza, algunhas das cales están arestora en marcha. Na liña de botarse a informar de ciencia onde non se adoita a facer a cotío é onde se sitúa precisamente o grupo de investigación Neurocom (Neurociencia e Control Motor) da Universidade da Coruña, que comeza este venres a súa quinta xira dos cafés-teatros-científicos que levará a especialistas deste colectivo a afondar en diversas cuestións ligadas ao seu traballo en diferentes bares de Galicia.
O formato, informa a UDC, estará aberto ao cen por cen á participación de tódolos públicos, consistindo nunha charla-discusión sobre algunha cuestión científica, e todo “desenvolvido nun ambiente relaxado e distendido”. A isto vai contribuír, sen dúbida, a presenza dun actor para buscar a face máis divertida do tema a tratar.
Esta actividade, que nas súas edicións anteriores se saldou cunha excelente acollida, trasladarase nesta ocasión a Narón (Cervexería Cardebelle), Boiro (A Pousada das Ánimas), Ordes (Cosecha del 2003) e Redondela (O Escondidiño). Cada unha destas vilas será visitada tres veces por outros tantos grupos de científicos e actores, para tratar temas relacionados coa ecoloxía, a física e a cosmoloxía, as matemáticas ou a neurociencia.
Para abranguer todos estes eidos do coñecemento, os organizadores, Casto Rivadulla e Xurxo Mariño, neurocientíficos da Universidade da Coruña, contan coa participación dos científicos Alberto Velando, ecólogo da Universidade de Vigo; Luis Sampedro, biólogo do Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán; Elena Vázquez, matemática da Universidade de Santiago de Compostela, e Eduardo Sánchez, físico da Universidade de Santiago de Compostela. Todos eles estarán acompañados polos actores César Goldi e Vicente de Souza.
Como é habitual, os asistentes a estas actividades serán convidados pola organización a unha consumición, que axudará a dixerir as exposicións, imaxes, vídeos e monólogos que se irán presentando ao longo da charla-discusión.

PUBLICIDADE