Os monólogos de R recalan este venres na Coruña da man de Oswaldo Digón e David Amor
xoves, 12 de febreiro do 2026
Os monólogos R de 2026 celebran este mes de febreiro a súa 18ª edición coas historias de dous dos monologuistas máis populares de Galicia: o lugués Oswaldo Digón e o pontevedrés David Amor. Logo do seu paso polo Auditorio Mar de Vigo (o venres 6) ambos humoristas chegan este venres día 13 de febreiro a PALEXCO, na Coruña, cos seus relatos e anécdotas sobre as inquedanzas dos nosos días, o tsunami tecnolóxico, as loias da Internet (as fake news), a grella televisiva ou historias cotiás nun aeroporto.
Digón e Amor subirán ao escenario do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO) con relatos vitais e moitas anécdotas que prometen soltar as gargalladas dun público incondicional. O pano dos monólogos R alzarase este venres 13 ás 21:00 h nese espazo co evento máis reclamado da operadora de telecomunicacións galega; un espectáculo que, dende hai dezaoito anos, conducido por actores e actrices moi populares, fixo rir milleiros de persoas das catro provincias galegas.
En In-Certo, Oswaldo Digón conversará co público e deterase nesas “cousiñas pequenas que todas e todos afrontamos nun día calquera”. En concreto, falará con humor, liberdade e unha posta en escena moi coidada do espírito da nosa época: o tsunami da tecnoloxía que chega de súpeto, as noticias falsas e os boatos (fake news), as nosas preocupacións cotiás, etc.
Pola súa banda, o pontevedrés David Amor segue facendo honra ao seu apelido artístico e regresa a Vigo con Love está no aire, con historias reais do humorista (non inventadas) e deténdose nunha das súas últimas paixóns: os aeroportos. Por iso preguntarase, entre outras cousas, por que a xente pasa sede mentres espera a chegada do seu voo. Tamén fará un percorrido pola grella televisiva sen tocar o mando e explicará os motivos polos cales
Os monólogos R organízanse, xa na orixe, pensando especialmente nos/as clientes/as da operadora galega cun formato definido (relato dunha única persoa en voz alta) que R leva escollendo dende 2008. “É unha aposta polo talento do país, polo enxeño e polo humor, unha das maneiras máis rápidas e eficaces de acurtar distancias entre as persoas”, explica a firma galega de telecomunicacións.
Ata agora, en formato presencial, preto de 53.500 persoas asistiron aos monólogos R, con espectáculos non só nas sete principais cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol), senón tamén noutras moitas localidades da comunidade, como Viveiro, Vilalba, Ordes, Xinzo da Limia, Sarria, O Carballiño, Carballo, Ribadeo, Verín, Lalín, A Estrada, Melide, Noia, Allariz, As Pontes de García Rodríguez, O Barco de Valdeorras, Ponteceso (O Couto), Porriño, Cee, Boiro... Ata unha trintena de concellos visitados.
Todo iso, con talento galego: polos monólogos R pasaron actores, humoristas e monologuistas do territorio tan populares coma Isi, Rober Bodegas, Marcos Pereiro, Federico Pérez (Fede), Javier Veiga, Víctor Grande, David Perdomo, Marita Martínez, Celso Sanmartín, Lucía Veiga, Marta Doviro, Carlos Blanco, Pepo Suevos, Xosé A. Touriñán, David Amor e Oswaldo Digón (os dous últimos na presente edición e en anteriores).
