Os móbiles LG Optimus L3, L5 e L7 poderán verse en Barcelona

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

LG Electronics quere chegar ao Mobile World Congress con moito estilo, de aí que anuncie que vai achegar a Barcelona a súa nova liña de móbiles L-Style, que apostan por un deseño coidado para diferenciarse dos terminais dos seus competidores, intentando repetir o éxito de terminais como o LG Chocolate e o LG Shine.
O presidente e director xeral da división móbil de LG, Jong-seok Park, aseguran que “con L-Style volvemos ás nosas raíces como unha compañía enfocada en como os nosos produtos encaixan na vida dos nosos clientes” para o que optan por un agarre confortable, unha aparencia delgada, unha disposición de teclas intuitiva e certos detalles metálicos que pulen o deseño dos móbiles LG Optimus L3, L5 e L7, que funcionarán co sistema operativo Android e contarán con pantallas de 3,2 4,0 e 4,3 polgadas respectivamente. O Optimus L3 chegará ao mercado europeo en marzo, mentres que o Optimus L5 e L7 chegarán durante o presente trimestre, incluíndo xa Android 4.0 (o seu irmán menor incluirá inicialmente Android 2.3).

PUBLICIDADE