Os maiores de Brión conclúen o seu curso de informática
martes, 12 de xullo do 2011
Un grupo de vinte maiores do Concello coruñés de Brión, veñen de rematar as súas clases de iniciación á informática, ás que acudiron puntualmente dúas veces por semana durante os últimos nove meses, para facer do ordenador unha ferramenta máis no seu día a día.
Todos estes veciños e veciñas, con escasos ou nulos coñecementos informáticos, aprenderon a utilizar o ordenador e mesmo a iniciarse no uso de Internet, empregando ferramentas como os buscadores ou os chats.
Antonio Casal, coordinador dos cursos formativos, refírese a esta actividade como “un xeito de achegar aos nosos maiores a un mundo que para eles era algo descoñecido”, e engade que “grazas a súa forza de vontade e gañas de aprender, o manexo das computadoras chega a ser un elemento cotiá máis dentro das súas vidas, sorprendendo a propios e estraños ata onde se pode chegar cun ordenador entre as mans”.
Trátase dunha acción formativa máis do amplo abano de actividades que ofrece este concello para os veciños e veciñas de tódalas idades.