Os logros pasados, presentes e futuros das mulleres na computación, ao detalle na FIC

xoves, 28 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe e mañá, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña é máis ca nunca un referente da tecnoloxía igualitaria e non discriminatoria. O motivo? A celebración da cuarta entrega do evento ACM-W Informática para tod@s (IPT), unha xuntanza de nivel estatal que busca mostrar o papel das mulleres na computación e facilitar o encontro e intercambio de ideas e coñecemento.
O encontro, do que falamos onte para salientar o impulso dado polo Centro de Investigación TIC (CITIC), inclúe charlas, paneis de discusión, sesión de pósteres e unha feira de emprego, entre outras actividades que contarán coa participación de colectivos que teñen entre os seus obxectivos visualizar os achados tecnolóxicos dende unha óptica feminina.
ACM-W Informática para tod@s conta co apoio de numerosos patrocinadores e a participación de referentes femininos no ámbito da tecnoloxía como Nuria Oliver, directora de Investigación en Ciencia de Datos en Vodafone e científica principal de Datos en Data-Pop Alliance; Sabela Ramos, doutora en Informática e enxeñeira en YouTube (Google); ou Nerea Luís, fundadora de T3chFest e investigadora no eido da Intelixencia Artificial na Universidade Carlos III de Madrid.
As charlas do programa versarán sobre temas como análise de información a gran escala (Big Data), a minería de datos, o uso das aplicacións móbiles, a informática aplicada á educación, as iniciativas para mulleres STEM, ou o emprendemento, entre outras cuestións.
O evento enmárcase nas celebracións promovidas pola ACM-W, un comité internacional pertencente á ACM (Association for Computing Machinery) que ten como misión fomentar a plena participación das mulleres en todas as facianas da informática. Algunhas das súas actuacións máis recentes foron a organización da celebración europea womENcourage que se celebra anualmente en Europa desde 2014, e que convocou a máis de 200 persoas entre estudantes, profesorado e profesionais do sector. O programa do ACM-W Informática para tod@s, así como toda a información do evento, atópase dispoñíbel na seguinte ligazón: https://ipt.acm.org/.

PUBLICIDADE