Os estudantes da Uvigo participan no Vodafone Campus Lab cunha app para asistir a persoas invidentes en aeroportos

xoves, 26 de marzo do 2020 S. P.

A final do Vodafone Campus Lab, o programa de formación online para achegar respostas a desafíos innovadores, vai contar por segundo consecutivo co equipo que representa á Universidade de Vigo: un grupo formado por estudantes dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial, que compite no laboratorio universitario interdisciplinar de Vodafone cun proxecto dunha aplicación de móbil para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.
Baixo o nome de Somos Opopona, collendo un termo que significa “camiño” no idioma yoruba, o equipo da Universidade de Vigo está formado por Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro, Roi Martínez e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial.
O coordinador do equipo é Manuel Caeiro, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática.
Sobre o proxecto que desenvolven no marco de Vodafone Campus Lab, que nesta edición conta coa participación de 26 universidades españolas, desde Somos Opopona indican que a aplicación para móbil deseñada, chamada Optemis, pretende guiar aos usuarios con discapacidade visual ás portas d embarque nos aeroportos menos transitadas, empregando Big Data, tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe. A súa contribución tamén ofrece axuda para localizar a equipaxe e para atopar outros servizos dentro das instalacións.

PUBLICIDADE