Os estados de WhatsApp incorporan novidades

martes, 7 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Meta está a presentar importantes novidades nos estados de WhatsApp, entre os que destaca un selector de privacidade, de xeito que por fin podemos indicar que queremos que os estados estean visibles para os nosos contactos ou marcar listaxes negras ou brancas de usuarios, de xeito que este xeito de comunicar pode ter máis sentido que na actualidade, xa que non ten moito sentido que unha comunicación dirixida a amizades remate sendo vista por calquera contacto que teñamos na axenda.
Outra función bastante curiosa é que agora poden gravarse mensaxes de voz de até 30 segundos que poden escoitarse nos estados, buscando así que os usuarios que non se senten cómodos tecleando poidan empregar a súa voz para expresarse.
Agora tamén é posible reaccionar aos estados mediante emoticonas (como alternativa ás respostas de texto, voz...); os estados tamén pasan a ser visibles dende os chats como un anel ao redor da fotografía de perfil (para que así saibamos que un dos nosos contactos frecuentes está a compartir algo en nos seus estados); e tamén se engade a vista previa nas ligazóns que publiquemos nos estados (de xeito que os contactos teñen unha mellor idea do contido ao que se lle quere dirixir).

PUBLICIDADE