Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos reivindican o seu papel profesional

luns, 27 de xaneiro do 2020 Redacción

Xornadas técnicas, premios de recoñecemento, presentacións e reivindicacións, todo isto tivo lugar no I ForoTelecos Galicia, un evento ambicioso para dar a coñecer o recentemente creado Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia e arrincar así a súa actividade.
O Hotel Ciudad de Vigo foi o escenario elixido ao que acudiron enxeñeiros de toda Galicia para apoiar esta primeira acción do COETTGA, que comezaba á primeira hora da tarde con dous relatorios técnicos sobre O edificio intelixente, modo IoT, e O segundo dividendo dixital, impartidas por José Luis Fernández (Televés) e Eladio Gutiérrez (ex director de RTVE dixital). Nelas destacou a presenza de novos estudantes de Enxeñería Técnica de Telecomunicacións, moi interesados por cada unha dos relatorios e as experiencias prácticas que transmitiron.
Na primeira das charlas, D. Eladio Gutiérrez destacou a importancia de resintonizar as canles de televisión debido ao inminente segundo dividendo dixital. Porén relatou a importancia de regular o uso do espectro radioeléctrico ao tratarse dun recurso limitado e intanxible pero que no noso día a día tradúcese en Wi-Fi, 5G, TV, móbil ou servizos de emerxencias…
Doutra banda, Fernández comentou que desde Televés apostan por un modelo 4.0 que incorpora á cidade unha infraestrutura con intelixencia distribuída na que o edificio se converte nun nodo da internet das Cousas.
O resto da velada completouse cun cóctel na terraza superior do hotel e a entrega dos Premios Enxeño 2019, para finalizar cunha cea de confraternización que contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e profesionais, José Manuel Martínez, decano do COETTGA, dirixiu unhas palabras para reivindicar a presenza e visibilización dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que adaptarse á dixitalización e novas tecnoloxías, a fin de reforzar e impulsar o valor de proxectos de enxeñería técnica de telecomunicacións, fundamentais na transformación e innovación de toda a sociedade. De feito, Martínez lembrou que a creación deste colexio como demarcación do estatal, xorde da necesidade de representar a este colectivo e darlle visibilidade, así como apoiar iniciativas e proxectos relacionados coas TIC’ s e os seus profesionais.
O decano do COETTGA lembrou que detrás das grandes evolucións dixitais de hoxe en día, como blockchain, 5G, big data, ciberseguridad, Turismo dixital, drons ou smart cities hai profesionais das telecomunicacións, polo que, ademais de ser unha profesión con alta inserción laboral, é tamén eixo central da maioría das transformacións que está a sufrir o mundo hoxe en día.
O acto previo á cea foi aproveitado para presentar aos asistentes a iniciativa Mi.Red, Mujeres Ingenieras en Red, un proxecto de identificación e promoción do talento feminino que fomenta as capacidades, habilidades técnicas e de liderado das profesionais das telecomunicacións.

Premios Enxeño 2019

A continuación, os responsables do COETTGA fixeron entrega dos Premios Enxeño 2019, unha primeira edición de galardóns que recoñece a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións.
Premio Enxeño 2019 á AMTEGA polo seu labor de promoción e fomento da implantación de novas tecnoloxías en todo o territorio galego.
Premio Enxeño 2019 á Zona Franca de Vigo, por ser entidade referente e potenciadora da innovación tecnolóxica no ámbito empresarial galego.
Premio Enxeño 2019 á Área de Telecomunicación do Corpo Nacional de Policía, pola utilización e aplicación das novas tecnoloxías, pola súa traxectoria, traballo, constancia e formación continuada en temáticas innovadoras e principais desenvolvedores de novas técnicas e aplicacións nas súas investigacións.
Premio Enxeño 2019 a Televés por ser unha empresa líder no sector de equipamentos de recepción de TDT En España. Con presenza internacional en máis de 50 países e que fixo da súa parábola amarela un sinal de identidade. Constitúe un exemplo para todos os enxeñeiros de telecomunicacións.
Premio Enxeño 2019 a Marcus Fernández, webmaster e subdirector de Código Cero, pola promoción e difusión das telecomunicación e polo achegamento á sociedade das novas tecnoloxías e a interpretación dos coñecementos máis técnicos de maneira que sexan comprensibles e de utilidade para os usuarios.
Premio Enxeño ao mellor expediente académico a Samuel Fernández Menduiña.
Premio Enxeño ao Enxeñeiro Senior Alfredo Fernández Fernández, Colexiado número 340
Premio Enxeño ao Enxeñeiro do Ano a Javier Otero Méndez, Colexiado número 7714
Pechou o acto Abel Caballero, alcalde de Vigo, nunha intervención na que recoñeceu a importancia do traballo dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións na cidade olívica.

JPEG - 115.9 KB
Fotografía de familia da primeira edición dos Premios Enxeño

PUBLICIDADE