Os enxeñeiros industriais poñen en marcha en Lugo unha Oficina Acelera Peme
mércores, 20 de setembro do 2023
A
Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) vén de
poñer en marcha unha Oficina Acelera Peme (OAP) en Lugo, que terá
unha vertente física na praza Santo Domingo 6, 3.º e outra virtual
vía web.
“Trátase dun punto onde ofreceremos atención personalizada e
asesoramento para facilitar a transformación dixital das pemes,
emprendedores e autónomos de Lugo”, explicou na mañá deste 20 de
setembro o presidente da AIIG, Francisco Manuel Pérez Rivas, durante
a presentación da oficina.
Estivo
acompañado polo delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco
Lobeiras; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz;
e a subdelegada do Gobierno en Lugo, María Isabel Rodríguez López;
xunto á delegada de Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros
Industriais de Lugo, Silvia Colmenero Guzmán, e o vogal da AIIG por
Lugo, José Luis Valado Viéitez.
Pedro
Blanco destacou que “só na provincia de Lugo ata 4.000 pequenas
empresas e persoas autónomas están a incorporar novas solucións
dixitais aos seus negocios con 13 millóns de euros do Plan de
Recuperación grazas ao programa Kit Dixital e o apoio das Oficinas
Acelera Peme”. A nivel de Galicia, dixo, “xa son 25.000 pemes e
autónomos os que recibiron 90 millóns do devandito Plan, cifras
históricas que exemplifican o noso compromiso e que evidencian unha
vez máis que este Goberno é o mellor aliado das empresas, poñendo
encima da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa
competitividade”.
Pola
súa banda, Javier Arias encomiou a iniciativa e destacou que
complementa á rede de centros de apoio e asesoramento que a Xunta
implantou na provincia a través dos Polos de Emprendemento ou do
programa Conecta Lugo, este último en colaboración coa
Confederación de Empresarios de Lugo. Neste sentido, lembrou que
“achegar información concreta e axustada a cada caso, ofrecer o
acompañamento adecuado, incrementa a eficiencia dos recursos
públicos dispoñíbeis”.
Tres
tipos de actuacións
Segundo
destacaron dende a AIIG, as tecnoloxías que se difundirán desde a
OAP de Lugo serán variadas: desde as máis accesíbeis ou coñecidas
polo empresariado (sistemas de xestión integral, xestión da
carteira de clientes de forma diferenciada, análise de datos a
través de Power BI, ferramentas de traballo colaborativo,
ciberseguridade, aplicación da Realidade Virtual e Aumentada,
mercadotecnia dixital, loxística avanzada, xestión de procesos
internos ou impresión dixital) até as máis avanzadas (Intelixencia
Artificial Aplicada, Building Information Modelling, xemelgos
dixitais, Blockchain na empresa, ferramentas de comunicación
avanzadas, modelos de forecasting por Intelixencia
Artificial, IoT ou Big Data).
“O
noso obxectivo principal é mostrar ás empresas, autónomos e
emprendedores a aplicación práctica da tecnoloxía, que poidan ver
e tocar solucións propostas por diferentes empresas e de diferentes
tecnoloxías... queremos achegar a demanda ás empresas
tecnolóxicas”, apuntou Silvia Colmenero.
Estas tecnoloxías presentaranse ás persoas empresarias e
autónomas e ás pemes de Lugo a través de tres grandes tipos de
actuacións:
1-
Lab Test: con tecnoloxía implantada nos computadores e con
elementos físicos (IoT, lentes de Realidade Virtual, simuladores…)
para que calquera empresa, empresario ou autónomo poida tocar as
tecnoloxías.
2-
Tech Days: en colaboración coas Universidades e os Centros
Tecnolóxicos de Galicia organizaranse xornadas con demostracións de
diferentes provedores sobre unha determinada tecnoloxía, de forma
que os asistentes poidan coñecer distintas alternativas.
3-
Demo Days: xornadas para presentar diferentes tecnoloxías de
aplicación e uso aos asistentes que poderán ver, nun único día,
diferentes tecnoloxías e a súa aplicación directa sobre as
empresas.
Finalmente,
para potenciar a figura da muller na transformación dixital, a
Oficina Acelera Peme de Lugo e a Asociación de Enxeñeiros
Industriais de Galicia crearán o Woman Tech Day. Neste evento, serán
as mulleres que se encargaron de dixitalizar as súas empresas as que
conten os retos e problemáticas que se atoparon e superado.