Os ecoloxistas convocan nas redes sociais un flashmob a prol do Monte Pindo

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O Monte Pindo ten posibilidades de converterse en Parque Natural. Así o desexan os veciños e máis as asociacións ecoloxistas, o único que está pendente é o apoio da Xunta, básico por outra banda neste tipo de casos. Co obxectivo de facer presión e ampliar así a protección nesta paraxe natural da Costa da Morte (situada en Carnota), vénse de pór en marcha na Rede unha campaña de mobilización que ten ben pouco que ver co modelo clásico de mobilización acostumado por estas terras. Máis polo miúdo, trátase dun flashmob, que é unha cita convocada nas redes sociais ao servizo dunha causa común, acompañada xeralmente dunha performance en grupo. Neste caso concreto, o flashmob vén da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
A convocatoria acompañaría á rodaxe dun episodio do programa MOBilízate no que está a traballar a dita asociación ecoloxista. A idea é acadar a máxima colaboración a través das redes sociais, dándose as máximas facilitades posibles. De feito, só é preciso imprimir nun folio o logotipo da entidade a prol do Monte Pindo, dispoñible en PDF, e contar cunha cámara dixital ou webcam. A partir de aí, comeza a cadea: “Desde o lugar no que che praza, con quen che praza e como che praza, só tes que pasar o noso logo dun lado a outro do plano”, informan na asociación.
E explican: “É como se estando no medio dunha cadea humana imaxinaria, recibiras o cartel pola túa dereita e llo entregases á persoa que tes á esquerda, para poder ir unindo máis e máis colaboracións”.
As videocolaboracións (gravacións dende os emprazamentos máis senlleiros do lugar onde vivimos, todo presentado do xeito máis orixinal posible) hai que envialas a este enderezo: info@montepindo.org. O prazo para as achegas remata o 31 de xaneiro. Os vídeos servirán para facer unha montaxe final, e a partir de aí o logotipo do colectivo irá pasando de man en man entre os amigos da entidade espallados por todo o mundo, igual que acontecería “cun facho olímpico”, sinalan, até rematar na Laxa da Moa, que é a zona máis alta do Monte Pindo.

PUBLICIDADE