Os dominios .es son dos máis valorados de Europa

luns, 7 de novembro do 2011 Raquel Noya

Datos sobre o prezo medio dos dominios rexionales europeos achegados por sedo.com

Segundo se extrae dun estudo de mercado realizado pola compañía sedo.com, dedicada á compravenda de dominios de Internet, “o prezo medio dos dominios españois (.es) situouse no terceiro trimestre do ano nos 1.716 euros”, moi por enriba dos de outros países europeos como Alemaña (.de), con 1.205 euros, Francia (.fr), con 1.614 euros, ou do Reino Unido (.co e .uk), cun prezo de 1.324 euros.
Deste xeito, os dominios españois de primeiro nivel, os .es, colócanse case á altura dos máis caros de Europa, os .com, dun prezo medio de 2.496 dólares, que por certo, supoñen preto do 50 por cento do total dos dominios do vello Continente.
O informe tamén achega as cifras de venda rexistradas este ano, e neste senso indica que o número de dominios vendidos diminuíu nos tres meses de verán, facendo que o prezo medio decaera tamén un 13 por cento respecto do trimestre anterior, colocándose en 1.390 euros de media.
Entre os dominios máis vendidos no período que vai de xullo a setembro destacan os da páxina alemá de subastas Aktien.de, que acadou os 500.000 euros, Grid.com, cun prezo de 199.237 euros e republic.com, con 144.900 euros.
O director de Sedo en España, Iván Díaz, afirmou neste senso que, “a adquisición de dominios volveuse agora un proceso moi atractivo para os novos grupos de compradores, que prefiren unha compra máis doada e rápida a través dun prezo estipulado que o proceso de libre negociación de compra”, xeralmente máis caro.

PUBLICIDADE