Os dobradores de videoxogos inician unha folga nos EE.UU.

venres, 26 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O ano pasado os actores estadounidenses emprenderon unha longa e dura folga por distintos motivos entre os que figuraba a ameaza da intelixencia artificial, e hoxe, tras máis dun ano e medio de negociacións sen conseguir pechar un acordo, SAG-AFTRA convoca unha nova folga que comeza hoxe, que afectaría ao sector da dobraxe de videoxogos.
As negociacións comezaron en outubro de 2022 e o 24 de setembro de 2023, os membros de SAG-AFTRA aprobaron unha autorización de folga de videoxogos cun 98.32% de votos a favor. Aínda que se alcanzaron acordos en moitos asuntos importantes para os membros de SAG-AFTRA, os empregadores néganse a afirmar claramente, en linguaxe clara e aplicable, que protexerán a todos os intérpretes cubertos por este contrato do aproveitamento do seu traballo por parte da IA.
«Non imos aceptar un contrato que permita ás empresas abusar da intelixencia artificial en detrimento dos nosos membros. Xa basta. Cando estas empresas se tomen en serio ofrecer un acordo co que os nosos membros poidan vivir e traballar, estaremos aquí, listos para negociar» asegurou a presidenta de SAG-AFTRA Fran Drescher.
O negociador Duncan Crabtree-Ireland asegura que os actores da industria dos videoxogos merecen «unha compensación xusta e o dereito ao consentimento informado para o uso da IA das súas caras, voces e corpos».
As compañías coas que o sindicato negociou son Activision Productions Inc., Blindlight LLC, Disney Character Voices Inc., Electronic Arts Productions Inc., Formosa Interactive LLC, Insomniac Games Inc., Llama Productions LLC, Take 2 Productions Inc., VoiceWorks Productions Inc., e WB Games Inc.