Os desenvolvedores de Mac xa poden gozar da VR cun accesorio externo

martes, 6 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Durante a WWDC Apple anunciou que van comezar a permitir o desenvolvemento de realidade virtual, para o que os equipos actuais tiñan un grande atranco (a falta de tarxetas gráficas optimizadas) o que inicialmente van solucionar mediante o uso de gráficas externas a través de Thunderbolt 3, de xeito que incluso un ordenador portátil poderá equiparse coa potencia dabondo para poder traballar con solucións como HTC Vive.
Para que os desenvolvedores poidan comezar xa a traballar Apple ofrécelles en primicia un kit de desenvolvemento de VR composto por unha caixa externa cunha fonte de alimentación de 350 watts que inclúe uno seu interior unha gráfica AMD Radeon RX 580 con 8GB de memoria, compatible con cascos de realidade virtual, o que permitirá que os que se fagan con este dispositivo poidan comezar a traballar con SteamVR e varios motores gráficos adaptados ás VR (Unity e Unreal Engine) dende Mac facendo uso da beta de macOS High Sierra, sistema operativo que incluirá a tecnoloxía Metal 2 e o soporte de gráficas externas.
Os consumidores tardarán bastante en poder gozar da realidade virtual en Mac, xa que non se prevé que o soporte de gráficas externas chegue de xeito xeral até primavera de 2018.

PUBLICIDADE