Os contedores de Santiago terán tecnoloxías intelixentes que axuden a evitar desbordamentos
martes, 20 de abril do 2021
O
Concello de Santiago, a través da Concellería de Medio Ambiente que
dirixe Mila Castro, vén de dar un paso decisivo para a posta en
marcha de tecnoloxías intelixentes nos contedores de lixo que axuden
aos operarios municipais a evitar desbordamentos. A
edil informou este 20 de abril dos detalles do novo prego do servizo,
aprobado esta semana en xunta de Goberno. Nel tamén se inclúe a
renovación de todos os receptáculos de residuos da cidade e
establécense novos emprazamentos, amais de maiores frecuencias para
a recollida.
Así
mesmo, no prego faise constar unha especial atención á recollida de
biorresiduos coa implantación dun quinto colector, o marrón.
Segundo
sinalou a concelleira, “o novo contrato busca optimizar os servizos
que até o de agora se viñan prestando, de xeito que se brindan
maiores garantías en canto á calidade da prestación e satisfacción
da veciñanza”.
Tamén
explicou que unha das novidades do prego radica na incorporación de
diversas tecnoloxías smart orientadas á optimización da
recollida, que estarán activas tanto nos medios materiais do servizo
como nos sistemas de control da prestación, “de xeito que en
calquera momento se poida verificar, por exemplo, o nivel de enchido
dos contedores, as frecuencias de recollida ou a localización dos
vehículos”. A frecuencia de recollida dependerá dese nivel de
enchido, que “non poderá superar o 75% da capacidade do colector
para evitar desbordamentos”.