Os colexios galegos enviaron máis de 3 millóns de mensaxes durante o confinamento a través de TokApp School

luns, 25 de maio do 2020 S. P.

A compañía galega TokApp vén de facer reconto da actividade comunicativa xerada a través da súa aplicación escolar (TokApp School) durante os meses de confinamento. Segundo informan os responsábeis da empresa, os colexios da nosa terra enviaron máis de 3 millóns de mensaxes durante as semanas de Estado de Alarma e restricións ao presencial por mor da COVID-19 (ou sexa, dende o 16 de marzo). “A nosa app”, explican, “foi a ferramenta de comunicación clave para o sistema educativo galego durante esta crise sanitaria”. No seu balance tamén figura o seguinte dato destacado: os centros educativos enviaron unha media de 3.500 mensaxes ao día a familias e alumnado a través da plataforma.
Durante o confinamento, o uso da plataforma chegou a ser até seis veces superior á súa actividade normal, o que demostra novamente, en palabras da compañía galega, “a utilidade da tecnoloxía á hora de comunicarse na contorna educativa”.
Entre as contribucións máis comúns estiveron o envío e resposta de deberes e información sobre o confinamento e o coronavirus.
TokApp, consciente “da necesidade dun sistema de envío de mensaxes seguro e fiábel nas entidades educativas”, puxo a disposición de todo o que quixese a plataforma de maneira gratuíta durante 3 meses sen compromiso. En palabras de Javier Romero, director executivo da empresa, “sabemos que estamos a vivir unha situación extraordinaria, por iso quixemos achegar o noso gran de area e ofrecer a plataforma de balde a todo colexio e entidade que a necesite”.

PUBLICIDADE