Os centros educativos de Arteixo presentan as súas experiencias TIC en EducaTIC

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Redacción

O Concello de Arteixo abriu onte as portas da segunda edición do Encontro de Experiencias Arteixo Innovación, educaTIC, unha xuntanza da que falamos os días pasados en Codigo Cero e que vai destinada a pór de relevo o potencial das novas tecnoloxías da información en materia de ensino. Polo que evento, que se desenvolve até este 19 de xaneiro nas dependencias do Centro Cívico Cultural, están a pasar xa os responsábeis das ferramentas dixitais que se desenvolven nos centros de ensino do termo municipal, tanto en Infantil como en Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
As/os educadores implicadas/os, nestes encontros, amosarán as metodoloxías de ensino postas en marcha, amais dos obxectivos e froitos acadados. Esta vertente expositiva complementarase cunha arela marcadamente formativa: coas dita demostracións daráselle azos á aprendizaxe e ao intercambio de experiencias.
O programa, entre outras moitas cousas, inclúe unha mesa redonda na que participarán os docentes das unitarias de Arteixo de Larín, A Lagoa e Rorís, que falarán sobre as maneiras de innovar neste tipo de centros educativos. O encontro tamén contará coas experiencias de centros como o IES Sabón (os seus docentes falarán sobre a empresa na aula, baixo o epígrafe Kentucky Connection e E-MarketPLACE: as TIC es as novas formas de consumo), o CEIP Arteixo (O traballo coas novas tecnoloxías no CEIP Arteixo), o IES Manuel Murguía (Explorando a realidade aumentada), o IES Pastoriza (Contornas de traballo colaborativo. Integración das Google Apps no IES Pastoriza), o EEI Barrionovo (Os dispositivos móbiles e a impresora ·D no EEI Barrionovo) ou o CEIP San Xosé Obrero (As TIC e a Biblio van da man).
Tamén haberá conferenciantes externos de recoñecido prestixio, como Leandro Fernández Macho, director de On the Top e de Neurozona, que falará de como facer para “que os adultos entendan os cerebros adolescentes”;
Pedro Bermejo Velasco, neurólogo e presidente da Asociación Española de Neuroeconomía, que abrirá unha xanela á influencia das novas tecnoloxías nos recursos propios de aprendizaxe de cada quen; e Raquel Pedrouso, especialista en fornecer procesos de aprendizaxe en contornos profesionais e educativos, que achegará un relatorio sobre o ilimitado do poder do noso cerebro.
A maiores e de maneira complementaria, haberá unha exposición tecnolóxica emprazada na sala de exposicións e obradoiros de robótica para nenas e nenos de 6 a 16 anos (Cepillo robótico o 17 de xaneiro; Robot pintor – Lego Mindstorms o 18 de xaneiro e Canasta con contador – BBC Microbit o 19 de xaneiro).

PUBLICIDADE