Os bonos da Coruña para consumir localmente xa foron descargados por máis de 20.000 persoas

luns, 28 de setembro do 2020 S. P.

O Concello de Coruña vén de facer balance da participación arredor da web do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), dende a que, entre outras cousas, é posíbel descargar tres tipos de bonos-axuda para seren consumidos no comercio e na hostalería local. Segundo fixo saber a alcaldesa, Inés Rey, estes incentivos ás compras habilitados con feitura de bonos son “únicos en España”, non só pola contía posta en xogo (1,6 millóns de euros), senón tamén polas vías habilitadas para beneficiar ao comercio e á cidadanía: vías tecnolóxico-dixitais. Segundo fixo saber, na dita web xa se deron de alta 20.600 persoas para descargar algún dos tres tipos de bonos. Amais, o número de descargas da aplicación móbil por parte das e dos comerciantes ascende a 2.000.
A rexedora engadiu que os negocios adscritos poden facturar mediante os bonos un total de 3.000 euros por cada establecemento, agás no sector cultural, no que a cantidade ascende a 5.000 euros. Tamén recordou que o éxito da iniciativa, un proxecto pioneiro para incentivar a actividade económica no pequeno comercio, na hostalería e no sector cultural da cidade (achegando a cada cidadán unha contía de 105 euros para investilos nos establecementos de proximidade e na cultura), fixo que “xa houbese 10 pequenos comercios na cidade que chegaron á cantidade máxima”.

PUBLICIDADE