Os blogueiros premian individualmente ás súas bitácoras favoritas

luns, 3 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Thinking Blogger AwardOs premios para cadernos electrónicos coma os BOB teñen un éxito de convocatoria moi grande, de xeito que os gañadores de cada edición acadan sona na blogosfera e no mundo real, pero ó seren tan elitistas non é de sorprender que nacesen os Thinking Blogger Award, que converten a calquera receptor do mesmo directamente en organizador da súa propia edición.
Vén a ser unha especie de estratexia de márketing piramidal de xeito que cada premiado pode premiar con este simbólico premio a 5 blogs que sexan do seu gusto, principalmente por facerlle reflexionar sobre materias que considere interesantes, mantendo sempre unha ligazón co blog que o premiou, para poder seguir o fío do tema e descubrir así moitos blogs interesantes. É así unha iniciativa moi semellante ó Blog Day, pero coa diferenza de que non permite a participación libre, o que lle dá a forza que ten o hipertexto na web.
Premio Blog SolidarioEsta iniciativa resultou do interese de moitos hispanoparlantes (e galegofalantes), que decidiron reciclar a idea creando o Premio Blog Solidario, que ten o mesmo espírito, pero que consiste en ligar a 7 blogs, o que fai que o movemento se espalle a máis velocidade.
Con este tipo de premios tan particulares mállase a blogosfera dun xeito moi persoal, indicando afinidades que doutro xeito poderían permanecer ocultas, e que axudan a promover toda unha morea de blogs, aínda que co perigo que teñen tódalas estruturas de crecemento piramidal (que poden colapsarse por mor da endogamia entre os seus integrantes).

PUBLICIDADE