Os auriculares Motorola Stream inician o seu desembarco europeo

mércores, 9 de agosto do 2017 Marcus Fernández

En 2014 Motorola sorprendía anunciando accesorios para os seus smartphones como o Moto Hint, un pequeno auricular con micrófono que perseguía que o usuario o levase todo o día na orella non só como mans libres do teléfono, senón tamén para controlar o móbil mediante a voz, e que podería considerase como un precursor dos AirPods de Apple, contra os que agora compiten os auriculares Motorola Stream, auriculares Bluetooth con micrófono que avanzan cara a súa dispoñibilidade no territorio europeo, pois veñen de poñerse á venda a través de Argos no Reino Unido a un prezo de 79,99 libras (88,63 euros).
Dende Amazon Alemaña tamén podemos atopar os auriculares a un prezo de 79,99 euros (prezo ao que posiblemente cheguen a España) aínda que cunha entrega estimada de 1-2 meses, mentres que en Amazon Reino Unido podemos atopar a edición deportiva a 79.99 libras (cun prezo de entrega de 1-4 semanas), deixando claro que estes accesorios van estar moi presentes no noso territorio.
Estes auriculares Bluetooth 4.1 teñen unha autonomía de 2 horas de uso por carga, o que grazas ao seu estoxo de carga (con batería integrada) supón unha autonomía total de 6 horas. Teñen resistencia á auga, poden empregarse tanto como mans libres como para dar ordes de voz (tanto en móbiles con Android como co iPhone), de xeito que poden converterse nuns grandes competidores dos AirPods de Apple por dúas poderosas razóns: o seu prezo é de menos da metade (o produto de Apple custa 179 euros) e a súa dispoñibilidade non estaría limitada (actualmente hai que agardar máis de 4 semanas para recibir os AirPods).

PUBLICIDADE