Os auriculares Mi AirDots Pro chegan a España
martes, 16 de abril do 2019
A primeiros de ano Xiaomi
anunciou os seus auriculares sen fíos Mi AirDots Pro, que esteticamente son
moi semellantes aos AirPods de Apple, pero cun prezo moi inferior e con
prestacións salientables como resistencia á auga IPX4, cancelación de ruído
activa e controis táctiles. Este atractivo produto comeza agora a chegar a
España, pero en vez dos preto de 51 euros que custan en China, aquí poden
adquirirse xa nalgunhas tendas en liña por 85 euros, prezo que está lonxe
de ser unha ganga, pero continúa moi afastado dos 179/229 euros dos AirPods
de Apple.
Os Mi AirDots Pro funcionan a través de Bluetooth 4.2, pesan só 5,8 gramos e co
seu estoxo de carga suman unha autonomía de até 10 horas. Aínda que o seu
deseño pode lembrar ao dos auriculares de Apple, hai unha diferenza moi
importante: contan con almofadas de silicona intercambiables e de 3 talles distintos,
de xeito que son aptos para máis tamaños de ouvido que os AirPods.
Espérase que en poucos días a dispoñibilidade destes auriculares sexa xeral, ou
sexa, que estean en todas as tendas e distribuidores oficiais de Xiaomi en España.