Os auriculares Jaybird RUN liberan aos corredores dos cables

xoves, 14 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O feito de que os Airpods de Apple optasen por eliminar totalmente os cables, de xeito que ambos auriculares se comunican sen fíos co smartphone, e transpórtanse nunha caixa que fai á vez de cargador (no que parecía claramente inspirado nos Moto Hint) fai que outros fabricantes avancen na mesma dirección, e ao igual que xa podemos adquirir os Motorola Stream a través de distintos distribuidores, agora chega un fabricante reputado como Jaybird para presentar un produto moi semellante aos anteriores pero cunha clara diferenza: está orientado ao seu uso por runners, xa que inclúen un sistema de suxeición que impide que se escapen das orellas ao correr.
Os novos Jaybird RUN son uns auriculares sen fíos cómodos e seguros, con protección contra a suor, resistencia á auga e unha autonomía de máis de 4 horas con carga sobre a marcha (engadindo a funda de carga 8 horas de autonomía adicionais). Os auriculares tamén poden empregarse cunha aplicación móbil que facilita a súa configuración para así poder axustar os graves, medios e agudos para unha reprodución musical acorde aos nosos gustos, e que tamén inclúe a función de localizar os auriculares se os perdemos.
Un detalle que tamén fai que estes auriculares sexan máis atractivos para moitos que os de compañías como Apple é que véndense con varias gomas para axustar no interior do ouvido e no pavillón auditivo de distintos talles e formas, de xeito que se adaptan a case calquera persoa, mentres que outros modelos non resultan confortables para moitos usuarios.
Os Jaybird RUN tamén permiten activar Siri ou o asistente de Google con realizar unha pulsación co auricular esquerdo, mentres que as pulsacións no auricular dereito controla a reprodución musical e a aceptación e finalización de chamadas.

Vídeo promocional do Jaybird RUN

PUBLICIDADE