Os auriculares Ear (1) disparan o seu prezo

martes, 18 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Nothing, a compañía fundada por Carl Pei (un dos cofundadores de OnePlus), lanzara o ano pasado como primeiro produto os auridulares sen fíos Ear (1) a un prezo de 99 euros, o que parecía un bo prezo se temos en conta o seu orixinal deseño, pero o vindeiro día 26 teremos unha sorpresa moi pouco agradable: os auriculares Ear (1) pasarán a custar 149 euros por mor do incremento dos custos, segundo comenta o propio Pei, quen asegura que os auriculares son un produto totalmente diferente a cando se lanzaron, xa que recibiron 15 actualizacións que melloraron considerablemente este accesorio.
Pei asegura que cando iniciaron o desenvolvemento dos auriculares tiñan 3 enxeñeiros na compañía, e actualmente contan con 185, polo que os custos son moi diferentes, aínda que cómpre destacar que no contexto económico actual hai moitos outros factores que incrementan os prezos dos produtos.
Non se espera que esta suba de prezo vaia ter un grande impacto comercial, xa que xa venderon preto de 600 mil unidades dos auriculares, polo que podemos entender que a meirande parte dos interesados nuns auriculares deste tipo xa os adquiriron, pero é un sinal moi preocupante sobre o camiño que poden seguir moitos outros produtos de electrónica de consumo nos vindeiros meses.

Os auriculares Ear (1) destacan principalmente polo seu orixinal deseño

PUBLICIDADE