Os Xiaomi 12 chegan a China presumindo dos últimos procesadores de Qualcomm

martes, 28 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi presentou en China a súa nova serie de móbiles insignia, encabezada polos modelos Xiaomi 12 e Xiaomi 12 Pro, que contan con procesadores Snapdragon 8 Gen 1, pantallas OLED de grande calidade e magníficas cámaras. Deste xeito sería Xiaomi a primeira marca en colocar no mercado móbiles cos nosos procesadores de Qualcomm, o que permitiríalles mellorar o seu rendemento gráfico un 30% e a eficiencia enerxética un 25%, á vez que o seu motor de intelixencia artificial iría 5 veces máis rápido que a anterior iteración e os seus procesadores de imaxe serían capaces de procesar datos de 18 bits.
Os Xiaomi 12 e Xiaomi 12 Pro estarán equipados con memoria RAM LPDDR5 a até 6.400 Mbps e usarían almacenamento interno UFS 3.1 (con velocidades de escritura secuencial de até 1.450 MB/s). O Xiaomi 12 conta cunha cámara principal IMX766 cun sensor de 1/1,56 polgadas acompañada por unha cámara ultra grande angular de 13 Mpíxeles e un telemacro de 5 Mpíxeles; mentres que o Xiaomi 12 Pro ten un sensor principal Sony IMX707 de 1/1,28 polgadas, polo que mellora a captación de luz fronte ao seu irmán pequeno, podendo disparar ambos fotografías de 50 Mpíxeles (ou sexa, que compiten en calidade de imaxe en vez de en resolución).
O Xiaomi 12 ten unha pantalla Full HD+ OLD de 6,28 polgadas, cun refresco de 120 Hz e unha calibración de cor profesional; mentres que o Xiaomi 12 Pro ten unha pantalla OLED de 6,73 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.440 píxeles, que asegura achegar unha calidade de imaxe líder na súa categoría. Ambas pantallas soportan HDR10+ e Dolby Vision, de xeito que os contidos en HDR veranse de xeito espectacular.
A nivel sonoro ambos smartphone tamén integran un par de altofalantes calibrados por Harmon Kardon e soportan Dolby Atmos.
Pese ao seu tamaño compacto, en batería non deberían ir xustos, xa que o Xiaomi 12 ten unha batería de 4.500 mAh, mentres que o Xiaomi 12 Pro presume a primeira batería de 4.600 mAh con carga rápida de 120 watts deseñada nunha única cela.
O Xiaomi 12 sairá á venda en China con 8/12 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno a prezos que van dende os 3.699 iuans até os 4.399 iuans (513 euros e 611 euros), mentres que o Xiaomi 12 Pro moverase entre os 4.699 e os 5.399 iuans (652 euros e 749 euros).
Para chegar a un público máis amplo tamén venderán o Xiaomi 12X cun procesador Qualcomm Snapdragon 870 a un prezo que parte dos 3.199 iuans (444 euros).

PUBLICIDADE