Os Samsung Galaxy J5 e J7 inclúen flash na súa cámara frontal

venres, 19 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O fenómeno dos selfies levou a que nos últimos anos moitos fabricantes disparasen o número de megapíxeles das cámaras frontais dos seus móbiles, e agora parece que o seguinte salto será a implantación masiva de flash en tal cámara, detalle que se rumorea que podería ter o vindeiro iPhone, e que agora xa teñen os novos smartphones de Samsung presentados hoxe en China.
Estamos ante os Samsung Galaxy J7 e J5, que integran cámara frontal de 5 Mpíxeles con flash para facilitar a toma de imaxes con pouca luz, que no caso do Samsung Galaxy J5 tamén conta cun grande angular de 85 gramos e, para que non sexa preciso empregar un pau de selfie para poder recoller unha fotografía de grupo, tamén integran unha funcionalidade para poder disparar fotografías de 120 graos.
Ambos smartphones veñen con pantallas de alta definición (1.280 x 720 píxeles) de 5 e 5,5 polgadas, 1,5 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante microSD, dobre SIM, cámara traseira de 13 Mpíxeles e Android 5.1, polo que estariamos ante terminais de gama media que poderían conseguir vendas masivas con grande facilidade.
O Samsung Galaxy J5 sería o terminais máis cativo, cun procesador Qualcomm Snapdragon 410 e unha batería de 2.600 mAh que sairá á venda por 1.398 iuans (198 euros) e o Samsung Galaxy J7 melloraría cun Qualcomm Snapdragon 615 de oito núcleos e unha batería de 3.000 mAh, características que incrementarían o seu prezo até os 1.798 iuans (255 euros).

PUBLICIDADE