Os Redmi Note 9 Pro terán procesador de Qualcomm e batería de 5.020 mAh

xoves, 12 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi vén de presentar na India a súa nova xeración de móbiles Redmi Note Pro, que chegan á súa 9ª xeración, ofrecendo grandes pantallas e prestacións competentes a prezos moi axustados, combinación que nos últimos anos valeulles grandes vendas e colocou a estes dispositivos como os grande referentes da gama media en mercados como o español, no que compiten directamente cos Samsung Galaxy A.
Os novos smartphones Redmi Note 9 Pro e Redmi Note 9 Pro Max chegan con pantallas Full HD+ de 6,67 polgadas (cunha relación de aspecto de 20:9), funcionan cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G con gráfica Adreno 618, teñen lector de tarxetas microSD de até 512 GB, inclúen emisor de infravermellos e a súa batería ten unha xenerosa batería de 5.020 mAh.
No caso do Redmi Note 9 Pro temos configuracións con 4/6 GB de RAM e 64/128 GB de almacenamento interno, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, a cámara frontal é de 16 Mpíxeles e a súa carga rápida é de 18 watts; pola súa banda o Redmi Note 9 Pro Max chegan con configuracións de 6/8 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles e carga rápida de 33 watts.
Falamos de dispositivos cun importante salto en prestacións. O Redmi Note 9 Pro porase á venda na India o vindeiro 17 de mazo a 12.999 rupias (156 euros) con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custará 15.999 rupias (192 euros). O Redmi Note 9 Pro Max farase agardar até o 25 de marzo e venderase en configuracións con 6 GB/64 GB, 6 GB/128 GB, 8 GB/128 GB a 14.999, 16.999 e 18.999 rupias respectivamente (179, 203 e 227 euros).

PUBLICIDADE