Os Huawei P10 e P10 Plus reforzan a aposta polos obxectivos Leica

luns, 27 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Tras a boa recepción do mercado ante os smartphones da marca Huawei con obxectivos fotográficos certificados por Leica era evidente a presentación dos novos Huawei P10 e Huawei P10 Plus durante o Mobíle World Congress, teléfonos que agora apostan por unha nova xeración das cámaras duais de Leica, que combinan un sensor monocromo de 20 Mpíxeles cun sensor de cor de 12 Mpíxeles e unha cámara frontal de 8 Mpíxeles, e que agora presume de tecnoloxía de detección facial 3D, iluminación dinámica e melloras de retrato natural coa cámara traseira, mentres que a cámara frontal asegura recibir o dobre de luz, ofrecendo mellores selfies (e tamén activa o seu grande angular cando detecta fotografías de grupo).
Cómpre detallar que o Huawei P10 Plus incorpora o novo obxectivo SUMMILUX-H cunha apertura F/1.8, en contraste co obxectivo SUMMARIT-H con apertura f/2.2 do P10, o que supón un salto de calidade importante, que vai moito máis aló da diferencia dos tamaños de pantalla dos terminais.
O Huawei P10 ten unha pantalla Full HD de 5,1 polgadas, procesador Kirin 960, 4 GB de RAM, 64/128 Gb de almacenamento e batería de 3.200 mAh, mentres que o Huawei P10 Plus opta por unha pantalla 2K de 5,5 polgadas, 4/6 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento e batería de 3.750 mAh.
Chegarán ao mercado español en marzo, cun prezo de 649 euros para o Huawei P10 con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 699 euros para o P10 Plus con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 799 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.

PUBLICIDADE