Os Honor 90 e 90 Pro chegan con grandes prestacións e prezos axustados

martes, 30 de maio do 2023 Marcus Fernández

O fabricante chinés Honor ten xa novos móbiles insignia á venda no seu mercado, os Honor 90 e Honor 90 Pro, que sen chegar a competir directamente cos móbiles de gama alta do presente ano procura facerse un oco no mercado grazas a unha moi boa relación entre prestacións e prezo.
O móbil de referencia sería o Honor 90 Pro, dispoñible a prezos que van dende os 3.299 iuans (434 euros) para unha configuración con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, até os 3.899 iuans (513 euros) con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
Falamos dun smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1 (o propio dos móbiles de alta gama da segunda metade de 2022), cunha pantalla OLED Full HD+ de 6,78 polgadas e unha velocidade de refresco de 120 Hz que agocha un lector de impresións dixitais, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 200 Mpíxeles, un grande angular de 12 Mpíxeles e un teleobxectivo de 32 Mpíxeles), cámara frontal de 50 Mpíxeles, NFC, e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 90 watts.
Reducindo lixeiramente as súas prestacións temos o Honor 90, á venda por 2.499 iuans (329 euros) con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, até 2.999 iuans (395 euros) con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento; que como principais concesións ten a redución do seu procesador até un modelos Qualcomm Snapdragon 7 Gen 1 e da súa pantalla até as 6,7 polgadas, a ausencia do teleobxectivo na cámara (substituído por un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles) e unha velocidade de carga rápida que cae até os 66 watts; aínda que cómpre salientar que estas reducións conseguen que o dispositivo sexa un pouco máis lixeiro e compacto.

PUBLICIDADE