Os AirPods melloran en autonomía, conectividade e sistema de carga

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

En setembro de 2017 Apple presentou a súa base de carga AirPower, que sería capaz de cargar sen fíos simultaneamente un iPhone, un Apple Watch e uns auriculares AirPods, para o que sería preciso que estes últimos tivesen un estoxo de carga con tecnoloxía de indución Qi, e non é até hoxe que se presenta o produto, de xeito que xa pode mercarse o estoxo de carga sen fíos para os AirPods a un prezo de 89 euros á vez que está tamén dispoñible unha versión dos AirPods con este novo estoxo a un prezo de 229 euros.
Pero os AirPods, con ou sen o estoxo de carga indutiva, veñen de renovarse, de xeito que agora incorporan o novo chip H1, ofrecen un 50% máis de tempo de conversa e permiten invocar a Siri en modo mans libres. A versión con estoxo de carga ordinario mantén o seu prezo nos 179 euros.
Estes novos auriculares xa poden pedirse en liña, aínda que non chegarán ás tendas até a semana que vén, e grazas ao uso do novo chip H1 poden gozar dunha maior autonomía, unha sincronización máis áxil e a posibilidade de cambiar de canción, facer chamadas, axustar o volume ou pedir indicacións con só dicir en voz alta «Oye Siri».
Os novos AirPods poden reproducir audio até 5 horas cunha única carga (até 3 horas no caso dunha conversa) e se sumamos as recargas que pode achegar o estoxo teremos unha autonomía de até 24 horas de reprodución de audio (ou 18 horas no caso de conversas). Amais, 15 minutos no estoxo permite até 3 horas de reprodución de audio ou até 2 horas de conversa.

JPEG - 171.4 KB
Os AirPods conseguiron converterse nun dos accesorios máis desexados para os usuarios de iPhone pola simplicidade do seu funcionamento

PUBLICIDADE