Os AirPods chegan á súa 3ª xeración acompañados por altofalantes de cores

luns, 18 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Na presentación de Apple desta tarde, na que o principal dar a coñecer os novos ordenadores portátiles da compañía de Cupertino, aproveitouse a cita para amosar novos produtos de electrónica de consumo, como a nova xeración de AirPods e unha maior oferta de cores nos altofalantes HomePod mini.
Os AirPods de terceira xeración chegarán ao mercado o 26 de outubro a un prezo oficial de 199 euros, prometendo unha calidade sonora revolucionaria grazas ao seu chip H1, destacando a compañía que estamos ante auriculars compatibles con Dolby Atmos en Apple Music, películas e series, á vez que tamén son resistentes á auga e á suor (tanto os auriculares coma o seu estoxo de carga). Tamén melloran a súa autonomía, con até 6 horas de reprodución continua até 30 horas de reprodución se contamos a carga adicional que pode achegar o seu estoxo.
Co seu novo deseño presenta un axuste anatómico, son máis discretos grazas a ter un eixe máis curto, e incluso integran unha malla acústica para reducir o son do vento e que así a voz das persoa se escoite con claridade durante as chamadas. Fan uso do códec de voz AAC-ELD para ofrecer voz de calidade, o que notarase especialmente nas chamadas de FaceTime e tamén presumen de audio computacional, con prestacións como a ecualización adaptativa e o audio espacial con seguimento dinámico da cabeza.

Vídeo promocional dos novos AirPods

No ámbito da música tamén temos novos HomePod mini, que manteñen o seu prezo de 99 euros, pero agora están dispoñibles, aparte de en cor gris espacial e branco, en azul, laranxa e amarelo, adaptándose mellor así á estética de distintos espazos nos que poidan colocarse. Estes pequenos altofalantes sen fíos non só serven para escoitar música, senón que tamén son un xeito de tirar proveito do asistente de voz Siri e, para casar ambas funcións tamén presentaron un novo servizo, Apple Music Voice, que é un plan co que, limitando o uso de Apple Music a ordes de Siri, conseguimos unha tarifa mensual de 4,99 euros/mes, que ofrece o catálogo musical completo pero prescinde de audio espacial con Dolby Atmos, de audio sen perda e de descarga para a reprodución fóra de liña, polo que parece unha tarifa dirixida ao altofalantes conectados.
Os HomePod mini tamén queren converterse nun sistema de comunicación dentro do fogar, de xeito que poderá dicírselle a Siri que difunda unha mensaxe por toda a casa a xeito de intercomunicador, función que tamén é compatible con CarPlay, os AirPods ou o Apple Watch, polo que as familias que estean moi introducidas no ecosistema de Apple terán unha interesante ferramenta para comunicarse.

PUBLICIDADE