Apple presenta uns auriculares sen fíos cun prezo de 629 euros

mércores, 9 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Apple vén de presentar os AirPods Max, uns auriculares sen fíos de diadema con son de alta fidelidade que combinan un deseño acústico a medida, chips H1 e software avanzado para ofrecer prestacións como a ecualización adaptativa, cancelación activa de ruído, modo de son ambiente e audio espacial, que poden encargarse en 5 cores distintas para chegar ás tendas o 15 de decembro ao sorprendente prezo de 629 euros.
Aínda que este produto leva moitos meses rumoreándose co nome de AirPods Studio, confiábase en que fosen unha sorte de auriculares Beats de diadema, optimizados para relacionarse co ecosistema de Apple, pero cun prezo moito máis contido, pois non podemos esquecer que os auriculares que actualmente están considerados como de referencia no mercado son os Sony WH-1000XM4, que aínda que oficialmente custen preto dos 400 euros, na práctica poden atoparse por menos de 275 euros (e o modelo anterior a preto de 200 euros), o que dá a entender que os novos auriculares de Apple non buscan competir no mercado de consumo ordinario, de xeito que habería que velos como un produto de luxo.
A diadema dos AirPods Max conta cunha estrutura de aceiro inoxidable para ter unha boa resistencia, a súa malla transpirable distribúe o peso e reduce a presión sobre a cabeza e os seus brazos telescópicos esténdense con fluidez e manteñen a posición para proporcionar o axuste desexado. Cada auricular conéctase á diadema mediante un mecanismo que equilibra e distribúe a presión do auricular, permitindo que xire e pivote de xeito independente para adaptarse á distintas formas de cabeza. As amofadas son de espuma viscolástica que crean un illamento eficaz. Pero O máis rechamante destes auriculares é que, en vez de optar por unha superficie de control táctil, integran unha coroa dixital inspirada na do Apple Watch, que ofrece control de volume e as típicas opcións de control de reprodución musical e chamadas.
Cada auricular leva 3 micrófonos orientados cara afora para detectar o ruído ambienta e un cuarto micrófono interior para monitorizar o son que chega aos ouvidos, aproveitando toda esa información para unha cancelación activa de ruído. Para os momentos nos que precisamos escoitar o que acontece ao redor tamén podemos activar o son ambiente para que o son recollido polos micrófonos se escoite nos auriculares, para non ter que quitalos para escoitar algo puntual. Finalmente o son espacial fai un seguimento dinámico da cabeza do usuario para poder situar virtualmente os sons en calquera punto do espazo, de xeito que pódese gozar de son envolvente (5.1. 7.1 e Dolby Atmos) dun xeito sen igual.
Ao contar con chips H1 temos un produto que pode conectarse de xeito áxil e doado con case calquera dispositivo de Apple; ofrece unha autonomía de até 20 horas de son de alta fidelidade, conversación ou reprodución de filmes coa cancelación de ruído e o audio espacial activados e inclúen unha funda Smart Case suave e compacta que pon os auriculares en modo de consumo ultrabaixo para aforrar enerxía cando non se están a empregar. Cárganse a través de Lightning, podendo gozar de até hora e media de uso con só 5 minutos de carga.
Falta agora ver como son realmente estes produtos na práctica, ou sexa, se realmente ofrecen unha calidade sonora que poida xustificar o seu prezo tan elevado, o que parece difícil xa que non estamos ante un produto orientado a un mercado profesional (no que imperan os auriculares con cable, xa que foxen dos retardos provocados pola transmisión Bluetooth).

Vídeo de presentación dos AirPods Max

PUBLICIDADE