Os 10 núcleos chegan aos procesadores Intel Core i7

martes, 31 de maio do 2016 Marcus Fernández

No Computex non só podemos ver os últimos produtos informáticos presentados por compañías asiáticas, senón que a propia Intel tamén aproveitou a ocasión para presentar os seus novos procesadores Intel Core i7, que coa súa Extreme Edition pretenden satisfacer as elevadas demandas de potencia que teñen tanto profesionais como xogadores, e que agora da un importante paso adiante ao estrear modelo con 10 núcleos, o que aseguran que se trata xa non de multi-tarefa, senón de mega-tarefa, xa que permite executar simultaneamente varias aplicacións e computación intesiva.
Os novos procesadores Intel Core i7 Extreme Edition teñen até 10 núcleos, 20 fíos, 40 pistas PCIe, 4 canles de memoria DDR4-2400 e Intel Turbo Boost Max Technology 3.0, de xeito que un usuario poderá estar gozando dun esixente videoxogo en ultra alta definición, á vez que retransmite a partida en directo a través da Internet, grava, edita e sube as súas puntuacións en liña e comunícase co seu equipo de xogadores ou cos seus competidores. Tarefas intensivas para as que é precisa unha grande capacidade de procesamento da que son capaces os novos procesadores de Intel, que tamén resultan especialmente atractivos para mover contornos de realidade virtual.
De todos os xeitos cómpre destacar que os novos procesadores de Intel non son precisamente económicos, de aí que cheguen en versións que parten dos 6 núcleos, xa que o seu modelo superior, o Intel Core i7-6950X Extreme Edition terá un prezo de mercado de 1.723 dólares (1.548 euros), aos que habería que engadir outros compoñentes de alta gama que estivesen á altura deste procesador, polo que un equipo con tal configuración extrema pode chegar facilmente aos 5.000 euros de prezo.

Táboa cos novos procesadores Intel Core i7 Extreme Edition

PUBLICIDADE