Orbyt Internet TV: nova proposta para achegar a Rede ao televisor

luns, 21 de maio do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro domingo o diario El Mundo e a publicación de información económica Expansión principian unha promoción no que ofrecen por 99,99 euros+ 5 cupóns (que se publicarán de luns a venres entre o 28 de maio e o 8 de xuño) un dispositivo chamado Orbyt Internet TV que está na liña do que moitos fabricantes están a perseguir nos últimos anos con pouco éxito: achegar a Internet ao televisor.
Estamos ante un dispositivo que pode conectarse ao televisor mediante HDMI ou vídeo composto, que incorpora funcións de sintonización e gravación de TDT de alta definición e acceso á Rede mediante Wi-Fi N ou Fast Ethernet. O trebello que funciona con Android 2.3 con soporte de HTML5 e Adobe Flash 10.3, ten 512 Mbytes de RAM e 4 Gb de almacenamento interno, que pode ampliarse mediante tarxetas SD ou por USB (conta cun total de 3 portos, as que podemos conectar incluso discos duros externos). Permite a reprodución de vídeo ata 1.080p en moitos formatos (MPEG-2, H.264, MP4, DivX, MKV, AVI e VC-1) e o seu control realízase a través dun mando a distancia cun teclado QWERTY integrado e Airmouse (de xeito que pode empregarse dun xeito semellante ao mando da Wii).

O novo dispositivo permite levar os contidos de Orbyt ao televisor

Pero ao levar Orbyt no nome, queda claro que o servizo está pensado para servizos externos, como pode ser a lectura no televisor das publicacións da plataforma Orbyt de Unidad Editorial, a navegación web, o acceso a redes sociais, o uso de distintas aplicacións, a reprodución de contidos de YouTube (e outras plataformas en liña como Vimeo e DailyMotion) e incluso o acceso a videoclubs en liña (Filmin, Filmotech, GolTV, Voddler, Wuaki e Youzee).
Unha interesante proposta que pode indicar o camiño ao que queren ir os televisores nos vindeiros meses, pero outros non dubidan en cualificar como a recuperación dun concepto que xa fracasou a mediados dos anos 90, polo que non confían nesta proposta que, pese a presentarse como algo moderno e innovador, sería xusto o contrario.


As posibilidades do Orbyt Internet TV vistas en vídeo

PUBLICIDADE