Orange traerá a versión 4G do Galaxy Watch a España

mércores, 29 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A primeiros de mes Samsung anunciou o seu último smartwatch, cunha autonomía de até 80 horas e modelo con conectividade 4G, sen chegar a adiantar os detalles sobre a súa chegada ao mercado, pero na páxina web do fabricante xa podemos ver como aceptan a súa reserva, para o seu envío o 18 de setembro. O Galaxy Watch chegará en modelos con caixa de 42 milímetros a un prezo de 309 euros e con caixa de 46 milímetros a 329 euros, recompensándose a compra anticipada cuns auriculares sen fíos JBL Under Armour valorados en 159 euros.
Pero a sorpresa da xornada chegou da man de ADSLzone, medio que asegura que teremos o modelo do Galaxy Watch con conectividade 4G en España a través de Orange, operador que leva tempo ofrecendo smartwatches con eSIM, de xeito que ten preparados os seus sistemas para poder tirar proveito deste tipo de dispositivos.
Até o momento Orange ofrece o uso de eSIM co reloxo conectado Huawei Watch 2 titanium, e de facelo tamén co Galaxy Watch sería unha grande nova para os partidarios de poder deixar o móbil na casa e manterse conectado grazas ao reloxo de pulso, podendo ao mesmo tempo recibir chamadas telefónicas, mandar mensaxes, empregar a localización GPS, rexistrar a actividade deportiva e incluso escoitar música por Bluetooth.

PUBLICIDADE