Orange e Jazztel deixan de ofrecer roaming de balde en Reino Unido

mércores, 23 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Levamos anos gozando dunhas tarifas móbiles que eliminan o sobrecusto polas comunicacións en itinerancia dentro da Unión Europea, de xeito que dentro de Europa eran poucos os territorios (basicamente Suíza e Andorra) nos que había que ter tino á hora de empregar as nosas liñas móbiles españolas sen medo a recibir facturas desorbitadas, o que vai mudar en breve, xa que o Reino Unido saíu da Unión, o que levou a que Orange e Jazztel estean a anunciar que a partir do 24 de abril os seus clientes xa non poderán beneficiarse das condicións actuais que permitían empregar as súas tarifas de voz e datos españolas en Reino Unido sen recargas. Deste xeito, a partir do 24 de abril os usuarios españois de Orange terán que pagar as chamadas efectuadas en Reino Unido a 1 céntimo/minuto (cun establecemento de chamada a 30 céntimos), mensaxes de texto a 25 céntimos e navegación a 1 céntimo/MB, tarifas que coinciden coas establecidas por Jazztel.
Polo momento Movistar non se manifestou ao respecto de mudar as condicións do roaming en Reino Unido e non parece probable que Vodafone (operador británico) mude as súas condicións, pois xa incluía nas súas tarifas as comunicacións dende países fóra da Unión Europa como EE.UU. e Suíza.

PUBLICIDADE