Orange anuncia que dá soporte a dispositivos 4G con eSIM

venres, 29 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Orange está a anunciar a mellora do seu servizo MultiSIM, co que o cliente pode compartir o seu número móbil e o bono de datos 4G da súa liña principal en varios dispositivos, para dar soporte ao estándar de eSIM aprobado pola GSMA, de xeito que non é preciso introducir unha tarxeta SIM en certos dispositivos compatibles, que conseguen así ser máis compactos.
Polo momento Orange España pon a disposición esta tecnoloxía de tarxetas eSIM a clientes particulares, autónomos e pequenas empresas, adiantándose á competencia, de xeito que os clientes poderán acudir directamente á súa área de cliente para activar unha eSIM en calquera momento e lugar, para tela operativa en poucos minutos, grazas a un proceso de contratación autónomo, áxil e 100% dixital.
Este programa comeza co smartwatch Huawei Watch 2 4G, seguindo así os pasos do Gear S2 Classic 3G (co que a compañía iniciara o uso de tarxetas eSIM en 2016), estando previsto que nos vindeiros meses vaian incorporando máis dispositivos con eSIM ao seu catálogo, o que podería ser unha grande nova para os seareiros de Apple, xa que até o momento a versión 4G do Apple Watch Series 3 estaba inédita en España xa que ningún operador se animara a dar soporte de eSIM, que é a tecnoloxía elixida por Apple para permitir que o seu reloxo de pulso poida operar como se fora un teléfono de xeito independente a un smartphone (prestación moi atractiva para quen, por exemplo, quere saír correr sen ter que cargar co móbil).

PUBLICIDADE