Optare Solutions e Somosierra Tech impulsarán a IA no sector das telecomunicacións
venres, 8 de agosto do 2025
A empresa galega Optare Solutions, firma especializada na optimización de sistemas de soporte á operación (OSS) para o sector das telecomunicacións, e Somosierra Tech, compañía centrada en solucións avanzadas de Intelixencia Artificial, anunciaron na recta final de xullo unha alianza estratéxica para integrar a IA de vangarda na cadea de valor das operadoras telco, abordando desde a xestión de rede ata a interacción co cliente e os sistemas de soporte operacional e de negocio (OSS/BSS).
Explicaron que “o sector das telecomunicacións atópase nun proceso de transformación continua, impulsado pola expansión da fibra óptica e a tecnoloxía 5G” e que neste escenario temos unha crecente necesidade de optimizar a eficiencia operativa, xestionar infraestruturas cada vez máis complexas e mellorar a calidade do servizo ao cliente, todo iso mentres se controlan os custos. A resposta a estes desafíos, sinalan, está na IA e na súa capacidade de converterse en “ferramenta clave para afrontar estes retos de maneira transversal en toda a organización telco”.
“Esta alianza con Somosierra Tech representa un paso significativo na nosa estratexia para ofrecer solucións que permitan ás operadoras alcanzar a máxima axilidade e eficiencia nun mercado altamente competitivo”, declarou Luis Alvarez Sestelo, director executivo (CEO) de Optare Solutions, engadindo que “combinamos a nosa profunda experiencia no dominio telco coa capacidade de Somosierra Tech en IA para desenvolver solucións que non só resolven os problemas actuais, senón que tamén sentan as bases para o futuro das operacións de rede automatizadas”.
Pola súa banda, Roberto Duarte, CEO de Somosierra Tech, engadiu: “A aplicación estratéxica da Intelixencia Artificial é fundamental para a transformación dixital en curso. A nosa colaboración con Optare Solutions permítenos enfocar as nosas capacidades de IA nas necesidades específicas do sector telco, xerando un valor de negocio medible e concreto nun mercado en constante evolución”.
Como resultado inicial desta colaboración, ambas as compañías introducirán no mercado a solución de AI Support Agents. Esta proposta está deseñada para optimizar as operacións de soporte e mellorar a xestión do coñecemento dentro das empresas de telecomunicacións, abordando os retos de incremento de custos, baixa capacidade de automatización e acceso limitado á información que actualmente enfrontan os equipos de operacións
O obxectivo da proposta de AI Support Agents é mellorar a eficiencia operativa e a calidade do servizo ao cliente a través da provisión de información relevante e o fornecemento da automatización. A solución permite obter respostas rápidas e contextualizadas para o persoal de soporte, integrándose progresivamente cos sistemas de xestión de incidencias para enriquecer a súa base de coñecemento coa experiencia operativa. “Deste xeito, búscase axilizar a resolución de problemas, reducir a carga de traballo en tarefas repetitivas e liberar recursos cualificados para actividades de maior valor engadido”, explican as dúas empresas.
